O mar galego estará presente na XXXV edición do Salón Gourmets

O mar e o agro galego terán notábel presenza a vindeira semana no XXXV Salón Gourmets, que se celebra en Madrid entre os días 25 e 28 de abril. Serán 47 as empresas e entidades galegas que participen baixo o paraugas do Goberno galego, co fin de promocionar os seus produtos e abrir novos mercados a nivel nacional e internacional.

O conselleiro do Medio Rural, José González, participará o vindeiro luns 25 na inauguración deste evento, co fin de apoiar coa súa presenza ás empresas participantes. O posto que leva a Consellería do Medio Rural estará composto por dúas illas que ocuparán unha superficie total de 414 metros cadrados, onde se albergarán un total de 29 empresas do sector agrario. Nunha desas illas estarán 14 co-expositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, irán 15 adegas e co-expositores doutras bebidas.

Ademais, neste posto tamén haberá espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se levarán a cabo diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustación de produtos galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira. Amais, celebrarase un túnel do viño e do queixo, así como unha acción de promoción da indicación xeográfica protexida Vacún de Galicia con nenos de diversos colexios de Madrid.

Pola súa parte, a Consellería do Mar estará presente na feira cun posto de 490 metros cadrados que albergará a 18 entidades co-expositoras da cadea mar-industria e contará cunha aula na que se realizarán diversas degustacións de produtos do mar amparados co selo pescadeRías e conservas de peixes e mariscos. Ademais está previsto que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visite a feira.

Gourmets 2022
O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen. Esta edición contará con máis de 1.500 empresas expositoras que farán promoción de máis de 37.500 produtos e 8.000 compradores estranxeiros de 65 países. Con máis de 800 actividades programadas, agárdase a chegada de máis de 75.000 visitantes a este espazo de 45.000 m².