O IGAPE e GAIN mostraron en Noia as axudas da Xunta a prol da transformación das pemes locais

Este pasado venres, 8 de abril, o Casino de Noia acolleu unha xornada organizada polo IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) e GAIN (Axencia Galega de Innovación) na que se deron a coñecer os detalles dos programas das dúas entidades para a apoiar á transformación das pequenas e medianas empresas. Tamén se presentaron os mapas de apoio da Consellería de Economía e doutras consellerías (GDR, GALP). A xornada foi unha nova parada da iniciativa Camiño de Futuro, dirixida a difundir entre as pemes de contornas non urbanas os instrumentos de apoio para melloraren a súa competitividade.

A cita contou asemade cunha mesa redonda con casos de éxito empresarial que foron beneficiarios das axudas de GAIN e IGAPE. Nesta mesa interviron os responsábeis da startup deportiva IQ Sports Scouting e da tenda de moda The Desire Shop.

Entre os participantes na xornada atopábase o director do IGAPE, Fernando Guldrís, quen salientou o espírito transformador das nosas empresas e dixo que “a innovación e a dixitalización hoxe en día son clave para recuperar o crecemento posterior á crise e tamén no contexto de incerteza e inflación actual”. Neste senso, enxalzou as axudas que adica ás pemes o seu departamento cara a estes obxectivos, axudas que veñen de ser obxectivo de melloras nas contías mobilizadas, chegando ata o 50% dos gastos de cada proxecto (sumando de xeito conxunto preto de 7 millóns)

Así mesmo, continuou Guldrís, o programa Galicia Exporta Dixital ten aberto o prazo de presentación de solicitudes na procura de apoiar pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital, mentres que o Cheque Dixital permitiu colaborar con preto de 2.400 autónomos e pequenas empresas, que accederon a máis de 9M€ en axudas.