O BNG urxe ao Goberno a publicar no DOG  as axudas para o sector pesqueiro afogado pola crise do combustíbel

A portavoz de Pesca do BNG , Rosana Pérez interpelou á Consellería do Mar ante “as dificultades económicas do sector pesqueiro pola escalada de prezos do combustíbel” e cominou a titular do dito departamento autonómico, Rosa Quintana a “publicar as axudas no DOG” e “a abandonar a propaganda e anuncios baleiros”, dixo.

A deputada do BNG insistiu en coñecer as axudas e cando entrarán en vigor porque “4.400 buques galegos están vendo perigar o seu futuro”, afirmou.

“A estas alturas”, explicou  a nacionalista, “comprobamos que o incremento dos prezos do combustíbel non responde só a invasión de Ucraína e botándolle a culpa a guerra, o único que se pretende é  agochar a ineficacia e incompetencia dos gobernos galego e español”. Para Rosa Pérez a situación do sector pesqueiro é paradigmática: “Ao comezo da pandemia, en marzo de 2020  pagaba o combustibel a menos de 30 cts./l e nun  ano, de de xaneiro de 2021 a xaneiro de 2022, xa o pagaba un 72% máis caro, nun momento no que non había guerra e a pesar do que estaba acontecendo,  a Xunta e o Estado  continuaba sen  reaccionar”, manifestou, engadindo que en novembro de 2021 o sector pesqueiro xa “daba a voz de alarma”.

Plantarse en Madrid

A parlamentaria propuxo á conselleira Rosa Quintana,  “plantarse en Madrid e Europa e esixir a paralización de todas as normativas que se están poñendo ou pretenden poñer en marcha”. Nomeadamente, a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía e o paquete de medidas denominado Fit-For 55 para a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro ata 2023 e gravando os carburantes a partir dun mínimo de 3 euros por cada 100 litros. A esta circunstancia, sumou a  Acción Medioambiental da UE para 2030, que vén de ser aprobada polo Parlamento europeo para eliminar  os subsidios aos combustíbeis pesqueiros e reprochou ao PP e ao PSOE que apoiaran esta iniciativa.

A deputada volveu a reclamar a rebaixa do  IVE para os produtos do mar ao 4% como recomenda a OMS, poñer un tope ao combustíbel que non supere os 40ctm/l, compensacións económicas polos amarres da flota, exención temporal das cotas á Seguridade Social e das taxas portuarias e  “non un aprazamento como fixeron vostedes na pandemia e que logo acabaron cargando todas xuntas sobre as  maltreitas economías dos profesionais do sector”, concluíu.