O BNG reclama a reapertura inmediata de todos os consultorios médicos pechados dende a chegada da COVID

O BNG, a través da voceira de Sanidade, Montserrat Prado, vén de reclamar á Xunta no Parlamento a reapertura “inmediata” dos consultorios pechados dende o inicio da pandemia e que a portavoz nacionalista exemplificou en 14 ao longo de todo o país, incluídos dous da nosa comarca: o de Taragoña en Rianxo e o de Cabo de Cruz en Boiro.

Así, Prado advertiu que “a día de hoxe continúan pechados os consultorios de Paradela (en Meis), na comarca do Salnés; Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa; Parga (en Guitiriz), Baamonde (en Begonte) e Castro de Rei, na comarca de Lugo; Hío (en Cangas) e Santa Cristina de Cobres (en Vilaboa), na comarca do Morrazo; Taragoña (en Rianxo) e Cabo de Cruz (en Boiro), na comarca do Barbanza; Romariz (en Soutomaior), na comarca de Pontevedra; Goián (en Tomiño) e Tabagón (en Tomiño, no Rosal), na comarca do Baixo Miño, e os de Filgueira (en Crecente) e Valeixe (situado na Cañiza e que segue sen médico), no Condado”.

Esta situación, dixo, “ademais de non ter ningunha xustificación máis que o recorte sanitario, estalle a causar prexuízos económicos e de mobilidade a miles de galegos e galegas afectadas polos recortes da Xunta do PP na sanidade pública e, nomeadamente, na Atención Primaria”. Tamén criticou que estes feitos estean a obrigar a moitas persoas a desprazarse a outros consultorios “cando unha parte moi importante delas superan os 60 anos, adoitan non conducir e carecen de transporte público polo que se vén obrigadas a depender doutras persoas ou a pagar taxis cando en Galiza temos, grazas ás magníficas políticas do PP, as pensións máis baixas do Estado”.

A xuízo da portavoz nacionalista de Sanidade, o peche dos centros con motivo da COVID foi “unha medida tomada de xeito excepcional polo SERGAS” que acabou sendo aproveitada polo Executivo do PP para consolidar a súa estratexia e proceder ao peche definitivo de consultorios. “O PP está aproveitando a pandemia para seguir recortando servizos, centralizar a atención sanitaria e deixar esmorecer a Atención Primaria porque non xera negocio e diso é do que se trata: de que a saúde das e dos galegos sexa negocio”, concluíu.