Máis de 200 estudantes e bacharelato participan en Ribeira nunha xornada aberta da USC

Xornada aberta USC en Ribeira

Máis de 200 estudantes de Bacharelato de distintos centros educativos da comarca do Barbanza están a participar dende esta mañá nunha xornada aberta organizada pola Universidade de Santiago (“A USC Camiña”) para dar a coñecer a súa oferta académica.
A xornada foi inaugurada ás dez da mañá nun acto que contou coas intervencións do reitor da USC, Antonio López, e do alcalde Manuel Ruiz. O reitor significou que a USC se atopa entre as 10 mellores
universidades de España e as 500 mellores do mundo e manifestou que con accións como esta pretenden achegar a toda Galicia todos os estudos que se ofrecen nas súas facultades de Santiago e Lugo e o resto de servizos que poñen a disposición, incluíndo máis de 1.100 prazas de residencias universitarias xestionadas directamente pola universidade en función das necesidades económicas do alumnado.
Pola súa parte, o alcalde recordou a estreita colaboración que mantén o Concello coa Universidade de Santiago, con accións coma a sede do seu IV Ciclo en Ribeira ou o ciclo Camiños de Coñecemento e Experiencia, e expresou a importancia de iniciativas como a de hoxe para que o alumnado poida tomar decisións que van marcar a súa vida laboral.
 “A USC Camiña” comprende unha serie de postos informativos dispostos no primeiro andar do Auditorio sobre as titulacións de grao, mestrado e doctorado, así como sobre a investigación e os diferentes servizos relacionados coa vida universitaria (residencias universitarias, cultura, mobilidade, voluntariado, a importancia das linguas, deportes, …).
Jorge Mira
Para rematar a xornada, hoxe ás 18 horas o catedrático de electromagnetismo da USC Jorge Mira pronunciará no Auditorio unha conferencia titulada “Como escolle parella o animal que levas dentro”. A entrada é libre e gratuíta ata encher aforo. A máscara é obrigatoria.

Xornada aberta da USC en Ribeira. Á esquerda o alcalde ribeirense acompañado polo reitor da USC Antonio López