Galicia pide ao Goberno central que axilice que o sector marítimo-pesqueiro poida acceder axiña aos apoios de emerxencia con fondos europeos

19 Abril 2022

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, pediu hoxe ao Goberno central que axilice ao máximo os trámites necesarios para que o sector marítimo-pesqueiro galego poida beneficiarse das medidas de emerxencia aprobadas pola Comisión Europea, con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e ao Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), para facer fronte ao incremento dos prezos do combustible, das materias primas e ás consecuencias da guerra en Ucraína.
A representante da Xunta lembrou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que a activación do artigo 26 do Fempa permitirá articular axudas de urxencia para que o sector compense as perdas e costes extraordinarios derivados da situación económica actual. Non obstante, para poder dispoñer dos fondos é necesario que o Executivo do Estado inclúa de forma rápida e flexible -como fixo o Goberno comunitario para a activación do artigo 26- esa posibilidade na próxima versión do programa operativo do Fempa que España lle debe presentar á Comisión Europea.
Silvia Cortiñas incidiu en que Bruxelas vén de propoñer tamén unha modificación lexislativa do actual FEMP para adoptar medidas adicionais de apoio aos sectores da pesca e da acuicultura utilizando os fondos remanentes do período 2014-2020. Trátase dunha medida na liña do que trasladou Galicia desde o primeiro momento ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, polo que tamén pide celeridade ao Estado para poder contar o antes posible con eses recursos e poñelos a disposición do sector.
O uso dos fondos non empregados permitirá establecer axudas financeiras para cubrir os custos adicionais e as perdas económicas derivadas da crise mediante compensacións pola paralización temporal das actividades pesqueiras, apoios para as organizacións de produtores que almacenen produtos da pesca ou da acuicultura e para os operadores pesqueiros e acuícolas -incluída a transformación de produtos do mar- polos ingresos non percibidos e polos custos adicionais pola situación actual.
Este mecanismo proposto por Bruxelas, explicou a secretaria xeral técnica, recolle unha maior flexibilidade para facilitar a aplicación das medidas como un procedemento simplificado para modificar os programas operativos dos Estados membros e a subvencionalidade retroactiva dos gastos a partir do 24 de febreiro de 2022. Por iso, demandou ao Goberno central a máxima celeridade e axilidade nos trámites que teñen que ver con España para poñer a disposición do sector uns fondos que por cada millón de euros de recursos propios se mobilizan un total de catro millóns de euros.
Meses á alza
A representante do Executivo galego expuxo que as dificultades do sector marítimo-pesqueiro polo encarecemento dos combustibles e das materias primas vén xa dos últimos meses e que a invasión de Ucraína fixo que se acentuasen, polo que apelou a adoptar medidas a medio e longo prazo co obxectivo de garantir o futuro do sector.
Neste sentido, lembrou a importancia de traballar en aspectos a longo prazo como a descarbonización progresiva do sector, adecuando os barcos a novos combustibles que fagan viable a actividade, e a medio prazo como medidas de eficiencia enerxética que permitan racionalizar o uso do combustible e axustar o seu consumo. Nesta liña, Galicia leva apoiados desde 2016 preto de 90 proxectos neste eido cun investimento público de máis de 9 millóns de euros e un gasto global de arredor de 20 millóns de euros.
Silvia Cortiñas incidiu ademais na insuficiencia dos apoios habilitados polo Goberno central para facer fronte a esta crise e salientou as principais medidas demandadas pola Xunta: a inclusión das empresas de transformación e comercialización nas axudas formuladas ao amparo do artigo 26 do Fempa, a redución do IVE aos produtos pesqueiros, chegando a un tipo superreducido, a ampliación da flexibilidade interanual das cotas de pesca e máis apoios conducentes a rebaixar o prezo dos carburantes e mellorar a liquidez dos profesionais do mar.
Precisamente con ese obxectivo de dotar de liquidez ao sector, o Executivo galego adoptou medidas como a exención do pago das taxas nos portos autonómicos, a axilización do abono das axudas concedidas ao sector marítimo-pesqueiro -de forma análoga ao realizado durante a alerta sanitaria pola covid-19- ou o reforzo da campaña GALICIA SABE AMAR para animar á cidadanía a consumir peixes e mariscos, elevar os seus prezos e agradecer á xente do mar o seu esforzo no difícil contexto económico actual.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

Estos últimos días las visitas al hospital fueron frecuentes para acompañara un buen amigo que se encuentra viviendo unos difíciles momentos por sudelicado estado de salud. Esta circunstancia me abrió un poco más los ojos ala realidad del sufrimiento, el dolor, el...

“Mellor é falar”. Luís Celeiro

“Mellor é falar”. Luís Celeiro

Moitos dos lectores lembran como era aquelo de chamar por teléfono aos parentes deMadrid ou de Barcelona, ao noivo de Lleida ou de Cádiz, ao veciño emigrante en Suíza ou encalquera lugar industrial de Alemaña. Moitos aínda se acordan hoxe daquel teléfonoparroquial que...