En Ribeira comezan as actividades do 40 aniversario de Ambar na Rúa

Este sábado 9 de abril, terá lugar en Ribeira ‘Ambar na rúa’, unha feira de arte e artesanía na que as persoas artesás e artistas que asisten ós obradoiro ocupacionais da Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional poñerán en valor o seu traballo a través de mostras en vivo, obradoiros colaborativos e venta de produtos solidarios elaborados por elas mesmas. Esta acción cumpre a premisa da entidade de ‘Impulsar vidas independentes na comunidade’ e é a primeira actividade conmemorativa do seu 40 aniversario.

Terá lugar de 10:00h a 15:00h no paseo do Malecón, en Ribeira. Entre os postos atoparase: unha demostración de artesanía en vivo, un obradoiro de encadernación para os máis pequenos, un obradoiro artístico colaborativo, un posto con información de servizos e proxectos, un posto de venta de produtos solidarios e un espazo para sentarse e conversar cas persoas artistas e artesás que levan a cabo esta actividade.
En caso de choiva a actividade levarase a cabo o sábado 30 de abril no mesmo horario.

Persoas con valor fan produtos con valores
En Ambar elaboran de maneira artesanal produtos únicos que poñen en valor o potencial das persoas, axudando a cambiar a percepción que se ten da diversidade funcional.
Tamén se promove a arte e artesanía inclusiva a través de actividades colectivas que mesturan artes plásticas, escénicas e artesanía co obxectivo de visibilizar o traballo artístico e artesanal e transmitir ó público mensaxes de interese social.