En marcha TeCe Redes en Galego cunha cantidade inicial de 500.000 euros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou a primeira edición do novo repositorio de proxectos dixitais e presenciais creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Trátase dunha iniciativa, TeCe Redes en Galego, cuxo nome fala as claras de cales son os seus obxectivos: poñer o foco nas novas canles da comunicación, chegar de maneira máis directa á nenez e á mocidade, crear comunidade arredor da nosa cultura e fomentar a presenza do galego. A isto cómpre engadir a finalidade de favorecer a transmisión xeracional. A versión estendida e ampliada do fondo vén cunha cantidade inicial de 500.000 euros.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participará na presentación do novo fondo de proxectos culturais da Xunta, TeceRedes.

Os detalles de repositorio foron dados a coñecer por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, quen destacou a boa acollida recibida nas edicións anteriores pola iniciativa, centrada agora, máis ca nunca, “en dinamizar o uso da lingua galega na infancia e na mocidade mediante actividades dinamizadoras atractivas e tamén a través dos novos espazos do universo dixital e audiovisual”.

TeCe Redes en Galego incorpórase como una nova sección dentro do Fondo Xacobeo 21-22 co obxectivo de “transmitir, comunicar e tecer redes”. Este último termo, explicou García, “refírese tanto á canle dixital de comunicación social como á manifestación da actitude colectiva de tecer redes susceptíbeis de estender o vínculo afectivo co galego e de crear unha comunidade, cada vez máis ampla, de persoas novas”.

Tamén engadiu que a diferenza das anteriores convocatorias do fondo, que incluían a modalidade de proxectos materiais, as propostas presentadas poderán ser unicamente presenciais (orixinais e inéditas ou non), dixitais (orixinais e inéditas) ou mixtas e a contía máxima que poderá recibir cada un deles será de 10.000 euros.

Aberto a empresas, cooperativas e profesionais do sector cultural

García fixo saber que “todas aquelas empresas, cooperativas e profesionais do sector cultural, creativo e artístico, vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega no desenvolvemento da súa actividade, poderán presentar as súas solicitudes entre os días 9 e 25 de abril a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia”.

Outra novidade respecto das anteriores convocatorias é que a dita solicitude, da que pode verse un modelo anexo I da convocatoria, non se presenta como tal a través do procedemento PR004A, senón que se elaborará a través da aplicación web dispoñíbel no Portal da Lingua Galega.

As bases completas, así como o a guía do procedemento de participación, poderán consultarse no Portal da Lingua Galega, lingua.gal. Ademais, as persoas interesadas poderán dirixir as súas dúbidas e consultas ao teléfono 687 041 884 ou ao correo electrónico tcr-galego@xunta.gal.