“Corenta anos non son nada”. Antón Luaces

Se para o famoso tango vinte anos non é nada, os corenta que ven de cumprir a Asociación de Titulados Náutico-Pesqueiros AETINAPE é todo un mundo.

Son corenta anos de vida intensa na que todos e cada un dos integrantes desta entidade constatan a diario a importancia dun colectivo que sabe de mar, de traballo na pesca e na mariña mercante, que abre vías de diálogo para dar solución a problemas que poden ter en Galicia o seu principio e continuidade en Madrid e que eles, os náutico-pesqueiros, saben levar directamente -e non é a primeira vez que o fan, nen seguramente será a derradeira- ao cerne de moitos dos males que se derivan en Bruxelas ou Londres -UE ou OMI- para a súa profesión. Para os homes que protagonizan o labor diario como xente de mar que son, sen moitas mans que axuden.

En contacto cotián con AETINAPE dende a súa fundación, tiven, e teño aínda, a oportunidade de contrastar cos seus membros todo canto de novo hai no eido marítimo-pesqueiro. Nunca esqueceréi a conexión con esa entidade profesional en tempos nos que o Polisario só albiscaba un futuro pesqueiro para os saharauis e, ao mesmo tempo, Marrocos e os seus patrulleiros abordaban os barcos de pesca españois que faenaban no que sempre foi o banco canario-sahariano, a punta de metralleta. Aquí fixo acto de presenza en máis dunha oportunidade AETINAPE e o sindicato nacionalista galego CIG, dando amplo resgardo a tripulantes e armadores dos barcos -maioritariamente galegos, pero con forte presenxa naquelas augas de andaluces e canarios e algúns, pouco, bascos- que faenaban naquel noutrora rico caladoiro que os arrastreiros chineses e holandeses arruinaron, con Marrocos culpando de todo iso a España e as súas frotas pesqueiras.

O polvo e a lura desta zona, como a sardiña e mesmo o bonito, tiñan na frota española o seu principal destino. AETINAPE, sempre atenta ao ir e vir das circunstancias pesqueiras, soubo defender os intereses dos seus asociados dando un amplo marxe de defensa aos dos armadores que, por  certo, non carecían da súa propia organización con sedes en Las Palmas e Madrid.

En Namibia, AETINAPE xogou tamén forte na defensa dos barcos españois. Igual que o fixo en Mauritania e Guinea e, posteriormente, diante de Canadá e Argentina, nestes dous últimos casos polo xogo impresentable dunhas autoridades que  tentaban levar moitos máis aló das súas 200 millas de Zona Económica Exclusiva (ZEE) e  con métodos absolutamente ilícitos, a loita contra os barcos españois -coma sempre maioritariamente galegos- que se acollían ao Dereito Marítimo Internacional para poderen pescar. Polo medio, as patrulleiras canadenses ou arxentinas -segundo o caso- para, finalmente, obrigar á constitución de sociedades mixtas (no caso arxentino) ou a poñer proa ao porto base porque con Canadá non se soubo facer firme a driza do cabo que vinculaba -e aínda vincula- aos barcos de pesca españois cos caladoiros de Terrranova nos que tantos españois perderon as súas vidas.

AETINAPE sempre representou un importante papel nestes casos, denunciando moitas veces o que viña dos países que aproveitaban o traballo dos tripulantes españois para lle dar valor á pesca duns caladoiros nos que nin arxentinos nin canadenses tiñan pito que tocar e que comezaron a facelo cando as súas autoridades nacionais comprobaron que, tendo barcos e mariñeiros, os españois estaban a marcar a vía a seguir.

Outros lugares de referencia para a pesca española están perfectamente sinalados actualmente nas Malvinas ou o Océano Índico, con obxectivos económicos evidentes a partir da pescada e a lura no primeiro deles, e o atún no segundo. Sempre con frotas preparadas, e co labor non sempre entendido, dunha asociación que, como AETINAPE, leva o leme firme na defensa dos intereses dos tripulantes deses barcos, destes mesmos barcos e os seus armadores e, obviamente, de España.

Compre seguir.

Parabéns aos titulados náutico-pesqueiros, aos seus dirixentes na entidade (AETINAPE) que os acubilla, e outros corenta anos máis para unha organización que vai máis aló do feito de existir.

Boa proa, AETINAPE.