BNG demanda mellorar a dotación nos xulgados de primeira instancia entre eles Ribeira

13 Abril 2022

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado realice as xestións e trámites para dotar aos partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo dun novo xulgado de primeira instancia e instrución. A organización nacionalista demanda non suprimir os partidos xudiciais existentes na Galiza e tamén non reducir as competencias dos mesmos na actualidade para garantir unha boa atención xudicial para os galegos e galegas para atender todo o volume de asuntos.

De 2010 a 2018 non se crearon xulgados novos na Galiza fóra das novas unidades nas cidades de Ourense, Ferrol, Vigo e A Coruña e, paralelamente, tampouco os partidos xudiciais das localidades galegas  experimentaron algunha clase de variación no número de xulgados. Unha realidade que, no BNG consideran preocupante e unha “clara expresión da estratexia dos diferentes Gobernos do Estado que ten por obxectivo a concentración dos servizos xudiciais nas sete cidades máis poboadas da Galiza”.

A situación de desatención no resto de partidos xudiciais está abocándoos á súa extensión que mesmo se reflicte na comunicación emanada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, en cumprimento da Lei de Planta e Demarcación Xudicial. Neste escrito asinado na sesión do 26 de febreiro de 2021, o organismo estatal estabeleceu a necesidade de crear diversas unidades xudiciais en varios partidos xudiciais da Galiza. “A creación do xulgado mixto número tres en Viveiro e o número catro tanto en Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo” explica o deputado.

“A Xunta de Galiza non recolleu nin asumiu a proposta realizada” denuncia Néstor Rego sabendo que é un dos requisitos que se precisan para que o Ministerio de Xustiza redacte a correspondente disposición normativa e procederá á tramitación do ou dos proxectos. Mentres a Administración galega evadía a súa responsabilidade, o Goberno do Estado unicamente acordou ampliar a administración de Xustiza na Galiza cun novo xulgado na cidade da Coruña. Ademais, lembra que o Goberno ten pendente aínda cumprir co compromiso de ampliar o número de xulgados de violencia de xénero na Galiza e, en concreto, de maneira urxente, en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense.

En definitiva, o Goberno non pode desatender as necesidades e servicios xudiciais na Galiza, e deben dotarse con urxencia, cando menos, os partidos xudiciais de Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Ribeira e Carballo cun novo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. “Os xulgados mixtos de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Carballo presentan unha taxa de conxestión superior á media galega e á estatal, incompatíbel cunha adecuada prestación de servizo público, e cun ingreso de asuntos na vía civil superior ao módulo aprobado” afirma o deputado do BNG.

“Tamén queremos saber se entra nos plans do Goberno a supresión dos partidos xudiciais actualmente existentes en Galiza ou a redución de competencias para a celebración de vistas e práctica de dilixencias e actuacións nas actuais sedes dos Partidos Xudiciais existentes” explica Rego. Para o deputado, existen necesidades estruturais nos partidos xudiciais da Galiza polo que “é urxente a realización de melloras na planta xudicial que permitan unha adecuada xestión xudicial para a cidadanía  galega”.

Nestor Rego

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

Estos últimos días las visitas al hospital fueron frecuentes para acompañara un buen amigo que se encuentra viviendo unos difíciles momentos por sudelicado estado de salud. Esta circunstancia me abrió un poco más los ojos ala realidad del sufrimiento, el dolor, el...