Adxudicadas provisionalmente as obras para renovar a envolvente térmica do Conservatorio Enrique Paisal, en Ribeira

O Concello de Ribeira informou da adxudicación provisional dos traballos para renovar a envolvente térmica do Conservatorio Enrique Paisal, un proxecto destinado a mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

A actuación está enmarca na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, co-financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 e adscrita á liña de actuación Mellora da eficiencia enerxética de infraestruturas públicas.

De acordo co proceso de adxudicación, a empresa que quedou clasificada en primeiro lugar resultou Obras y Viales de Galicia, S.L., sendo a súa oferta económica de 570.420,00 euros, IVE incluído.

Tendo en conta o proxecto técnico elaborado, vanse efectuar os seguintes traballos:

• Retirada de todas as carpinterías existentes, preparación e adaptación de ocos de fachada para colocación de novas carpinterías con vidros illantes.

• Retirada dos revestimentos de mármore existentes das fachadas, demolición das pilastras entre xanelas, e substitución por un sistema de fachada ventilada con illamento e panel de cemento tipo Swisspearl.

• Limpeza e saneado de fachada e achega de illamento e SATE.

• Limpeza e saneado de forxado de cuberta, instalación de illamento e substitución da cuberta de chapa existente.

• Substitución da caldeira existente por unha nova de gas e reforma da sala de caldeiras en soto para adaptación ás novas instalacións necesarias.

• Reparación de humidades interiores.

O prazo de execución son cinco meses.