A Xunta aplaude a sentenza do TSXG que desestima o recurso do Estado sobre o plan de marisqueo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou hoxe no Parlamento que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima o recurso do Estado contra o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o trienio 2021-2023 “é unha vitoria do sector marisqueiro galego ante un ataque totalmente arbitrario do Executivo do Estado”. Nesta liña, sinalou que este fallo, publicado o 16 de marzo, “supón unha enorme satisfacción para a Xunta porque ratifica, un por un, todos os argumentos defendidos desde Galicia neste procedemento xudicial iniciado de xeito inxustificado polo Goberno central contra o sector marisqueiro galego”.
Así o sinalou en resposta a unha pregunta sobre este tema, na que tamén insistiu en que, o sistema de aprobación dos plans xerais de explotación marisqueira leva funcionando perfectamente desde hai máis de 30 anos. Ata o ano pasado, engadiu a conselleira, o Goberno galego tramitou e aprobou plans de explotación sen que houbese problema algún ou solicitude por parte de ningún dos gobernos de informes preceptivos ao respecto.
Neste sentido, a titular de Mar subliñou que a sentenza do TSXG constata que este procedemento é un ataque máis do Ministerio para a Transición Ecolóxica a Galicia e ao seu sector marítimo-pesqueiro, “porque a ningunha outra comunidade autónoma se lle exixiu o informe preceptivo que se lle reclamou a Galicia”. Ademais Rosa Quintana fixo fincapé en que a Xunta “cumpriu e cumpre estritamente coa lexislación e seguirá defendendo os intereses do sector fronte a un recurso que supuxo xogar co seu futuro”.

A maiores, a conselleira do Mar manifestou que se trata dun proceso que foi levado a cabo sen diálogo “e froito dun intento de imposición que invadía as competencias exclusivas de Galicia nesta materia”. Nesta liña, Rosa Quintana destacou a “falta de sensibilidade e de vontade do Ministerio para a Transición Ecolóxica coa cadea mar-industria, obviando a súa realidade unha vez máis, neste caso ao poñer en tea de xuízo décadas de historia de xestión responsable e cogobernada da actividade”.