A Pobra vai celebrar con dous contacontos o Día Internacional do Libro, que se festexa este sábado 23 de abril. A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal programou dúas sesións de narración oral dirixidas ao fomento da lectura “nun contexto dinámico e cun enfoque sociocultural”. Así o fixo saber a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto co bibliotecario municipal, José Carlos Vidal, e a técnica do Museo Valle-Inclán, Araceli Abad. A concelleira manifestou que o libro constitúe “unha ferramenta moi necesaria que nos permite facer unha viaxe coa nosa imaxinación”.

A Biblioteca Municipal Victoriano García Martí será escenario no 22 de abril, ás 18.00 horas, do contacontos Habelas hainas, no cal Leo Leíño mostrará ás crianzas as tradicións e lendas galegas: a Santa Compaña, o santuario de Santo André de Teixido, os celtas e os druídas, así como as romarías. A idade recomendada é a partir dos 6 anos.

E, doutra banda, o Museo Valle-Inclán albergará no 24 de abril, ás 18.30 horas, unha sesión de narracións a cargo da contadora Charo Pita, onde o relato protagonista será O meu bisavó, un breve conto escrito por Ramón del Valle-Inclán que recolle un episodio da vida dese antepasado seu. A edición que serve de base para a narración é unha tradución ao galego do conto orixinal, editada en 2019 pola propia institución museística e o Concello, na cal destaca a súa coidada estética. A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir de 8 anos.
En ámbolos casos, a entrada é libre ata completar a cabida e recoméndase o uso da máscara.
