A nova Biblioteca Pública de Ribeira na “Casa do Gran Sol” triplicará o espazo e será altamente eficiente

Presentación do proxecto da nova biblioteca ribeirense. Concello

Un espazo que triplica a superficie actual, altamente eficiente, nun edificio que vai integrar coa arquitectura da zona. Así será a nova Biblioteca Municipal de Ribeira, que foi presentada polo alcalde este mediodía no salón de plenos do Consistorio nun acto que contou con representantes de diferentes grupos da Corporación e mais do equipo de arquitectos redactor do proxecto, Oxil Arquitectura, integrado por Emilio Domínguez e Manuel Domínguez.
A nova dependencia executarase na parcela na que se localiza na chamada “Casa do Gran Sol”, na rúa de Galicia, preto do Mercado Municipal, que foi adquirida polo Concello con esta finalidade. O proxecto
técnico prevé ampliar este inmóbel de dous andares dándolle un andar máis e construíndo ás súas costas outro edificio de similar volume, estética e características, estando ambos unidos por un ascensor. Na zona posterior do solar acondicionarase un patio axardinado pechado duns 200 metros cadrados que tamén prestará servizo á biblioteca. O arquivo estará situado nun soto, habendo a intención de albergar alí non só os fondos da biblioteca (40.000 referencias a día de hoxe) senón tamén parte do arquivo municipal, o que permitiría liberar espazo na Casa do Concello e na Policía Local. A superficie total de actuación será de 800 metros cadrados.

Patio axardinado da nova biblioteca ribeirense. Concello

O alcalde de Ribeira explicou que ante o encarecemento das materias primas preténdese engadir vía remanente ao orzamento actual, de 893.000 euros, unha cantidade que se pode aproximar ao IVE (uns 180.000 euros). Estimou que a obra pode ser licitada no prazo dun mes e que a finais do ano 2023 podería ser unha realidade. Tamén recordou que se é posíbel poder sacar a contratación este proxecto foi grazas aos acordos plenarios de aprobación de orzamentos e de solicitude do crédito necesario.
A continuación tomou a palabra Xosé Manuel Vilas como voceiro do grupo municipal socialista (grupo que apoiou os citados orzamentos) para recordar que a construción dunha nova biblioteca era unha promesa que xa levaban incluso no seu programa do 2015 e que cualificou como moi necesaria para todo o pobo de Ribeira.
O arquitecto Manuel Domínguez explicou as características do proxecto, que incluirá entre outras dependencias unha recepción, salas infantil, de lectura, de informática ou de silencio absoluto.
Na busca da máxima eficiencia enerxética váiselle dotar dunha envolvente técnica, instalacións de baixo consumo, paneis solares fotovoltaicos e un alxibe de pluviais que posibilitará recuperar e facer circular as augas grises. O alcalde adiantou que o Concello pretende seguir transformando e embelecendo a zona a través de novas actuacións no contorno.

Inforgrafía da nova biblioteca ribeirense. Concello