A Mesa da Peonalización de Ribeira amplía membros e pon o foco na mobilidade sustentábel

Este venres 29 de abril volveuse xuntar no Consistorio Ribeira a Mesa Local de Peonalización, na que se trataron asuntos relativos ás rúas peonís e outros relativos ao tráfico rodado no municipio. Entre os acordos tomados polos grupos participantes inclúese o seguinte: a Mesa de Peonalización vaise transformar nunha Mesa de Mobilidade Urbana Sustentábel que dará acubillo a novos membros e que terá unha visión máis ampla, diversa e integral das necesidades urxentes do concello en materia de desprazamentos.

Na xuntanza deste venres 29 participaron representantes da Asociación de Empresarios, das asociacións locais de persoas con diversidade funcional (Ambar e Amicos), da Policía Local e dos grupos políticos da Corporación. Tamén interviron técnicos do Cocello.

Segundo fixeron saber, coa nova inclusión de representantes preténdese dar voz tamén a outros colectivos como o transporte público (autobuses e taxis), os maiores, os consumidores e usuarios, os ciclistas e motoristas e a comunidade educativa (profesorado e alumnado).

As propostas do BNG

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, trasladou na sesión da Mesa algúns dos principais desafíos de Ribeira en materia de tráfico rodado, entre os que se atopan, dixo, a necesidade de mellorar a planificación. O concelleiro instou ao Goberno local “a establecer unha estratexia a longo prazo que permita avanzar na ordenación das rúas peonís, mellorar os aparcadoiros disuasorios e garantir a accesibilidade nas beirarrúas”.

Desde o Bloque argumentaron que “Ribeira carece dun plan de transporte público” e, ademais, “o Concello evita avanzar na remunicipalización do aparcadoiro do Centenario para garantir que haxa estacionamentos suficientes a un prezo razoábel e que non se avance na peonalización de novas rúas”, sinalaron, trasladando o que consideran unha necesidade: “Cumprir co acordo que se chegou cos comerciantes da rúa Rosalía de Castro para realizar a reforma desa rúa, ordenar os accesos e as cargas e descargas nas rúas peonís, aumentar e mellorar a sinalización dos aparcadoiros públicos, crear camiños escolares seguros e avanzar no calmado do tráfico”.

Pérez Barral tamén se referiu á situación do aparcadoiro do Centenario e criticou a política levada a cabo polo Concello neste punto, que cualificou de “privatizadora”. O concelleiro nacionalista dixo tamén “que o BNG oporase á súa privatización e defenderá a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local”.