A contorna do CEIP Santa María do Castro, en Cabo de Cruz, mellora en seguridade

O Concello de Boiro está a executar obras para a mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP Santa María do Castro en Cabo de Cruz. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz, visitaron o lugar onde se levan a cabo estas actuacións, abeiradas a un proxecto para optimizar a seguridade viaria nos centros de ensino que se realiza con cargo ao Plan Único (POS+ 2021) da Deputación da Coruña. En concreto estase a actuar para mellorar a seguridade no IES Espiñeira e no CEIP Santa María do Castro, unha actuación que conta cun orzamento de 101.693,36 euros.

No caso do centro de Cabo de Cruz, as actuacións contemplan a execución de beirarrúas de formigón na beira sur, no lugar de estacionamento de autobuses e baixada dos nenos e nenas; a execución dun paso elevado para reducir a velocidade de circulación dos vehículos e xerar un percorrido accesíbel; a execución dun elemento protector perimetral para os contedores; a instalación dunha nova marquesiña; e máis a execución de sinalización viaria específica.

Os traballos encádranse no compromiso do Concello de Boiro co mantemento e mellora dos centros de ensino e da súa contorna. Neste senso, Romero e Ruiz informaron de que o Goberno local leva investidos preto de 290 mil euros para solucionar deficiencias demandas pola comunidade educativa entre as que, ademais das melloras na seguridade viaria, levouse a cabo o acondicionamento de aulas e a renovación de luminarias, amais da mellora de patios exteriores e zonas de xogo.