A Campaña da Nai da patronal de Ribeira agasallará vales de compra por valor de 1.000 euros

A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou os detalles da súa Campaña Día da Nai 2022, unha iniciativa concibida para revitalizar o comercio local e a hostalería e recompensar a fidelidade da veciñanza coas tendas e establecementos da súa cidade e do seu concello. A principal actividade da campaña é un sorteo dirixido a todos os clientes que merquen ou consuman nos establecementos asociados participantes na mesma. Nas bases especifícase que terán que ser maiores de idade. A campaña é de balde para os clientes e sen contraprestación algunha. Obsequiaranse vales de compra por valor de 1.000 euros.

Duración e ámbito

A promoción realizarase entre as compras e consumicións feitas desde o día 18 de abril ó 01 de maio de 2022. A forma de participar será mercando e consumindo en calquera establecemento socio e subindo o tícket á web da Asociación de Empresarios de Ribeira. O sorteo realizarase o luns 02 de maio ás 13:00h no local da patronal, na rúa Rosalía de Castro.

Metodoloxía a seguir

Nesta campaña poderán participar tódolos consumidores maiores de idade que se rexistren a tal efecto e que realicen unha compra ou consumición por calquera importe nos establecementos participantes na iniciativa comercial, sempre e cando a compra se realice durante as datas de duración da campaña. Isto é, do 18 de abril ao 01 de maio de 2022.

Os consumidores participantes deberán en todo caso conservar o tícket da compra ou consumición realizada, co fin de dispoñer dun xustificante.

A forma de participar será a seguinte: o consumidor/cliente poderá rexistrarse para participar nesta campaña na pestana Sorteos na web da Asociación de Empresarios de Ribeira, efectuando o correspondente rexistro da compra ou consumición realizada, que lle dará dereito a unha participación no sorteo; no rexistro deberá quedar perfectamente identificada a operación de compra/consumición realizada e o cliente ou consumidor (só poderán facer un rexistro por operación de compra/consumición, e cada operación rexistrada, equivale a unha participación). Cantas máis compras/consumicións fagan nos establecementos participantes, máis participacións poderán obter e máis posibilidades de gañar.

Premios

Os premios destas campaña serán os que citamos a continuación:

-Vales de compra por importe de 1.000€ menos a retención dos impostos obrigatorios, e o asesoramento dunha personal shopper que acompañará á persoa premiada no momento de realizar as compras do premio. Este galardón ten que ser gastado un día en concreto a determinar entre a Asociación de Empresarios de Ribeira e a persoa premiada nos establecementos participantes nesta campaña, como data máxima o 30 de xuño de 2022. O importe ten que ser gastado nos tres sectores que participan nesta campaña: comercio, hostalería e restauración. Para repartir o galardón entre varios participantes, como máximo o premiado pode gastar 150€ en cada un dos establecementos elixidos para gastar o premio.

-20 Entradas para a clase maxistral Armario cápsula primavera.