“Unha bágoa no ermo” – Antón Luaces

Ese mal paso que deu a semana pasada Vladimir Putin, presidente que pretende facer moito máis grande a xa de por si gran Rusia, permite que cheguen a todo o mundo a través da televisión, das redes sociais e da prensa escrita, os ollos chorosos, asustados e asombrados á vez, duns nenos que na súa Ucraína vivían relativamente en paz -xa se sabe que a historia de Ucraína e Rusia nunca foi escrita na paz e o entendemento por ambas as partes-. Nenos que, coma nós mesmos fomos un día, están a vivir a traxedia dunha  guerra, unha máis, no leste de Europa. 

E como xa pasara nos Balcáns, en Iraq, etc., o resto do mundo vendo a guerra pola tele. Como se se tratara dun xogo  no que os que morren foran sempre os malos da película. Pero non son, non, malos todos os que se enfrontan. Hai meniños, hai mulleres e homes que nunca matarían por ter un ferrado máis de terreo (por máis que digan que nós, os galegos, nos matamos porque movemos ou nos moven os marcos das leiras), hai persoas maiores que teñen regos da bágoas nas facianas que non saben ou non comprenden por que o demo de metralla que esperta ás cinco da tarde dos últimos cinco días ten que vir sobor deles; por que un mísil derruba a súa casa, mata a súa familia, queima o seu gando, esnaquiza as súas vidas.

Hoxe é Ucraína. Onte foi Iraq. O mundo berrou “Non á guerra!”. E o negocio das armas prosperou nos cinco países que na ONU teñen dereito a veto. Son, tamén, os países que máis reciben á hora de reconstruír os países destruídos polas súas armas. Neste negocio non hai Estados inocentes. Por erro, por omisión ou porque o negocio é substancioso, todo ou case que todo o mundo é culpable. Tamén España e algún persoeiro español o son. Mais o que non se arranxa cunha salve, amáñase cun avemaría. Sempre haberá auga bendicida para reducir o cargo de conciencia. E haberá, de paso, un “Nunca máis!” para descargar doenzas anímicas que espirran cara ao sol dun 36 no que si houbo homes e países solidarios nun e noutro bando. A solidariedade é, agora mesmo, ordenar aos bancos que controlen determinadas contas. 

Non aprendemos. Non damos aprendido por máis que nos poñan exemplos diante os ollos. Nin sequera remove sentimentos vellos anicados nun recuncho da alma, gardados  desque en 1939 a fratricida guerra civil española encheu de loito os campos e os mares dunha nación que se desangraba por todas as súas costuras aínda por coser moitas delas hoxe en día. Agora é Ucraína a que se descose. Son os seus os que se perden na historia de cada día pedindo que alguén explique o por que do que pasa. É que no abondan as bágoas dun neno para explicalo?. Necesitamos máis explicacións?.  Non sei que pecado cometeu Ucraína para recibir este castigo que lles impón Vladimir Putin (non o pobo ruso), porque estar entre os países da OTAN e a “gran” Rusia non é de agora. O puzzle non se fixo no noso tempo. Ven de moito máis atrás. Rusia ten o seu inimigo particular instalado no Kremlin, un inimigo que ten á man a chave do maletín que ten outra chave que “fala” das nucleares maneiras de acabar con todo. Ollade a cariña dun neno ucraíno, as engurras que viaxan polo rostro dun vello disposto a defender a súa patria cun caxato que, no remate, poderá usar para se erguer nun campo ermo. Deixade en paz os mortos de antes, preocupádevos dos vivos de hoxe. Plantade rebentos de vida útil que dean flores novas cada ano sen seren nunca fume de pallas. Pola vida de quen vai alá.