Ribeira homenaxeará ás súas mulleres nos corpos e forzas de seguridade con motivo do 8M

O Concello de Ribeira vai render homenaxe ás mulleres que traballan nos corpos e forzas da seguridade con presenza no municipio. Farao con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, este 8 de marzo. Así o fixo saber a concelleira e Servizos Sociais Ana Barreiro Rego durante a presentación das actividades conmemorativas desta celebración.

Barreiro Rego, que estivo acompañada da directora do CIM Dolores Crujeiras Bringas, informou de que o dito acto de homenaxe está previsto para o propio martes 8 no salón de plenos do Consistorio, contando coa participación, ademais das mulleres ás que se lles rende tributo, de Noelia Pago Latorre, inspectora na Xefatura Superior da Policía Nacional da Coruña e responsábel da Oficina de DDHH e Igualdade de Galicia, e de María Dolores López Sánchez (esta de forma online), comisaria e xefa de DHH e Igualdade na Policía Nacional. Dado a limitación de espazo o Concello explica que a veciñanza que o desexe poderá seguir o evento por streaming a través da conta de YouTube do Concello.

Dez actividades

Segundo engadiron, son dez as actividades incluídas na programación, incluíndo unha exposición, obradoiros, unha campaña en redes sociais, contacontos, un curso de autodefensa, materiais didácticos ou un proxecto de investigación sobre mulleres que tiveron un papel destacado na historia de Ribeira.

Así, dende hoxe ata o 17 de marzo pódese ver no primeiro andar do mercado municipal a exposición EnREDadas, promovida pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. O próximo luns 7 de marzo publicarase nas redes sociais unha campaña pola co-responsabilidade con difusión de materiais en liña a prol da distribución equilibrada das tarefas domésticas e responsabilidades familiares.

Por outra parte, alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria recibirán material didáctico de sensibilización en igualdade, incluíndo un caderno de Os Bolechas sobre esta temática. Asemade, o 9 de marzo ás 11 horas haberá un contacontos por streaming para estudantes de Infantil e Primaria titulado Dúas nenas moi, moi valentes.

O 10 de marzo desenvolverase no CIM de Ribeira de 10 a 13 horas dous obradoiros a cargo da Fundación Mujeres dedicados á prevención do acoso na rúa e á activación persoal e profesional. Os días 12 e 19 de marzo e 7, 14, 21 e 28 de maio, de 10 a 13 horas no CIM de Ribeira, Ana Sanisidro Lojo destinará ás mulleres usuarias deste centro unhas actividades de narrativa visual.

Mulleres na historia

Barreiro e Crujeiras salientaron tamén que este venres, da man da citada Ana Sanisidro, arrinca un proxecto de investigación dun proxecto que ten como obxecto coñecer testemuñas de mulleres que teñen ou tiveron un papel destacado na historia do municipio. Trátase dun plan de longo percorrido cuxo primeiro paso é apelar á veciñanza convidándolle a cubrir un cuestionario con este propósito.

Por último, tamén se celebrará un curso de autodefensa feminina para mulleres maiores de idade nas instalacións do Club Natural Sport nunha data aínda por determinar.