Portos de Galicia expón aos pescadores recreativos a ampliación de espazos e horarios habilitados para esta práctica nos peiraos autonómicos

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos colectivos representantes dos pescadores recreativos galegos para darlles traslado da modificación
na normativa que regula a práctica desta actividade en superficie nos peiraos autonómicos e que entrará en vigor proximamente.
A responsable do ente público trasladou ás directivas da Federación Galega de Pesca Responsable e Náutica de Recreo (Fedpemar), da Federación Galega de Pesca e Cásting e da Asociación Galega pola Defensa da Pesca Recreativa (Agadper) que os cambios abren a posibilidade de habilitar novos espazos establecendo horarios e tramos temporais para a pesca en superficie nos portos de titularidade autonómica.
Esta nova resolución recollerá modificacións introducidas atendendo ás alegacións e solicitudes recibidas neste sentido durante estes meses de vixencia da normativa, produto da súa aplicación práctica e da experiencia, tal e como se indicou desde o primeiro momento. Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado verán Portos de Galicia aprobou a resolución que levantaba total ou parcialmente na maioría dos peiraos a prohibición da pesca recreativa en superficie -que estaba vixente desde os anos 70 en todos os portos- co obxectivo de dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade.
Tralo reporte recibido por parte dos afeccionados, colectivos e institucións ao respecto da posta en práctica da normativa, Portos de Galicia establecerá na nova resolución as condicións para habilitar máis espazos dentro do terreo portuario para esta actividade.
Estas modificacións téñense establecido tras unha profunda análise da compatibilidade desta práctica coas actividades portuarias, sempre procurando previr posibles accidentes que, en ocasións, están vinculados a actividades non portuarias, e trala experiencia do desenvolvemento desta práctica nos últimos meses.