“Parar ou vender”. Antón Luaces

Cando non é a política de prezos ao combustible, que contempla apoios para os que consumen os sectores do transporte -marítimo e terrestre- e aquel outro que consumimos os cidadáns no quefacer diario e a vida cotián, sempre virá algo que aínda faga máis insoportable a suba de prezos. Neste caso concreto, esa suba significa que un sector tan fundamental como é o transporte comercial por estrada, paraliza absolutamente a súa actividade porque os prezos que rexen para o consumo de gasóleo -que conta co apoio económico estatal- fan este totalmente inviable.

Si para o transporte por estrada -que xa está en paro en gran medida- paralízase aínda máis o sector pesqueiro, afectado asimesmo pola enorme suba experimentada no gasóleo que consumen os barcos  sexa este da modalidade, condición ou medida que sexa: todos os barcos funcionan grazas ao gasóleo, todos os barcos permiten determinadas rendibilidades económicas e sociais grazas ao gasóleo. Sen este gasóleo  e as axudas que cada barco recibe para compensar -como ocorre co transporte por estrada- a un sector de servizo público que, doutro xeito non podería vivir nada se fai.

De aquí ese rotundo “Parar ou vender” que, de xeito tan explícito, determina cál é a situación agora no mesmo nun sector fundamental en Galicia: a pesca.

Portos como os de Vigo, Burela e Celeiro -decisivos xunto co de Ribeira para a pesca do día e mesmo a procedente de Gran Sol- xa están parados. Co descanso da fin de semana chegarán novos barcos a sumarse á folga facendo esta extensiva á práctica totalidade do sistema portuario galego.

Non hai rendibilidade: o peixe está a pagarse moi por baixo dos prezos que fan sustentable a pesca; pero o combustible que empregan os barcos non fai máis que subir e, deste xeito, a irrendibilidade ataca directamente a conta corrente dos armadores e, obviamente, os salarios dos tripulantes.

Fontes dos propios armadores aseguran a este xornal que o litro de gasóleo pesca oscila entre os 1,15-1,20 euros; pero o quilo de pescada pequena non supera os 0,75 euros. Un arrastreiro do día consume en cada xornada arredor de 3.000 litros  de gasóleo, o que significa que só para pór en marcha o motor do barco o armador deste debe facer fronte ao investimento de 3.300 euros, aproximadamente, en cada  ocasión que sae a pescar.”Estámos pasándoo mal, moi mal. Casi aseguraría que como nunca nos últimos 20 anos por culpa do prezo do gasóleo”, aseguraba esta mañá un armador consultado  que leva moitos golpes de mar ás costas. Todo para, agora, asumido o retiro, contemplar cómo unha empresa pesqueira “levantada” co esforzo familiar e o dos traballadores contratados durante tantos anos vaia ao garete.

Que facer?, pregunto. E a súa resposta, seria, moi seria, é definitoria, contundente e definitiva: “Parar ou vender”.  Ningunha delas ó do seu gusto. Ningunha delas é válida. Galicia non pode quedarse sen pesca porque sería quedarse sen alma. E a economía galega non pode permitirse unha parada indefinida da súa frota. Esta, lector, non pode arrancar máquina sen un gasóleo a prezo aceptable.Velaí a cuestión. Quen amaña o problema?.