A parlamentaria socialista Noa Díaz reclamou este xoves 24 de marzo á Xunta que axilice o expediente de concesión dunha nova captación de auga no concello de Noia, da que depende a aprobación do PXOM dese municipio. Fíxoo na comisión segunda do Parlamento, onde lle formulou unha pregunta ao Goberno galego para coñecer “os motivos do atraso de ano e medio na resolución deste trámite por parte de Augas de Galicia”.
Noa Díaz explicou que “a Xunta asegurou hai uns meses que o Concello xa solicitara en setembro de 2020 a modificación para poder dispoñer dunha nova captación no río Vilacova, no lugar da Alvariza, parroquia de Barro, e que esa petición se atopaba en estado de tramitación”. Ademais, dixo que foi o propio alcalde o que afirmou en 2018 que o permiso de legalización para esa nova captación “era xa un feito”.
Porén, Díaz denuncia que “máis dun ano despois non existe ningunha resposta a esta cuestión”. E engadiu: “A realidade é que o Goberno local de Noia leva anos sen aprobar o seu PXOM”. Na súa opinión, este adiamento está “aparentemente motivado por Augas de Galicia, que segue sen autorizar a modificación da concesión cando xa pasou ao e medio, tempo suficiente para que se resolva o expediente”.
Por iso reclamoulle á Xunta “dilixencia para remitir de contado ese informe preceptivo”.
“Saben que existen precedentes con sentencias anulando PXOMs porque carecían dese informe que analiza os recursos hídricos municipais”, advertiu.
Na súa intervención, Noa Díaz lembrou que “os PXOM son ferramentas vitais para a ordenación do territorio dos concellos, e non poden seguir agardando pola inacción ou a mala praxe dun departamento do goberno galego”. Por iso, remarcou que os diversos gobernos do Concello de Noia levan décadas traballando para aprobar o seu primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal, que depende de diferentes informes preceptivos do goberno galego.
No caso de Noia, explicou, “o PXOM está pendente dun informe de Augas de Galicia para confirmar se as vías de abastecemento actuais ou das que pode botar man chegan non só para abastecer os actuais habitantes, senón tamén ao incremento de poboación estimado no planeamento urbanístico”. Na actualidade, dixo, “a captación pode abastecer a algo máis de 9.000 habitantes, pero a previsión de crecemento da poboación fala de 18.000 persoas”. Neste contexto, engadiu, “é incuestionábel a obriga de duplicar o volume de auga para acreditar a existencia de recursos hídricos suficientes que garantan ese abastecemento”.
