Os naufraxios na Ría e o libro “As gotas de mercurio” presentase este xoves en Vilagarcía

Un acto que consta de dúas partes vai desenvolverse este xoves, día 10 de marzo, no salón de actos do Faiado da Memoria, con inicio ás 20.00 h. No mesmo haberá unha palestra arredor do naufraxio do Santa Isabel, e outros episodios marítimos que tiveron como tráxico escenario A Ría de Arousa.

O xornalista e historiador, Xosé María Fernández Pazos, que foi fundador da Radio Galega e o seu xefe de informativos, autor do libro “Sálvora. Memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel” e actual director de O Barbanza e Código Cero; o editor e investigador, Antón Mascato; e o escritor e economista, Exidio Cuíñas, cambadés e directivo da Escola de Vela do Clube Mariño do Salnés, participan neste encontro cultural no que tamén se presenta a obra “As gotas de mercurio”, o novo libro do escritor de Cambados.

Exidio Cuíñas, é economista e master en desenvolvemento local, realizando o seu labor profesional en diferentes proxectos relacionados co turismo mariñeiro do Salnés; sendo unha das figuras máis salientables dos que traballan arredor do patrimonio marítimo cultural. A súa primeira incursión na literatura levouno a publicar a novela “Salgadoiro de queixo e mozzarela”, no ano 2009, mantendo dende aquela activo o blog “boudevara”.

As gotas de mercurio” é unha novela, longa, posiblemente a gran obra narrativa do sistema literario galego de cantas se fixeran no val do Salnés; en máis de setecentas páxinas desenvolve unha viaxe cara ningures que comeza co afundimento do “Santa Isabel” no arquipélago de Salvora, e continúa coa fuxida que emprenden uns homes a bordo dun pesqueiro, o “Novo Endem”, e que cincuenta anos despois devolve ao neto dun deles, Demetrios, á terra do seu avó, Abel. A través desta traxedia mariña e da viaxe por mar asistiremos a unha ficción trufada de realidade, na que a personaxe participa na  resistencia francesa á invasión nazi, na da loita de liberación arxelina e entregarase á militacia antifascista na Grecia dos coroneis.

A novela desenvolve unha trama de misterio, valentía e coraxe cívico, co pano de fondo dos diferentes mares europeos, que percorre os principais acontecementos históricos do século XX, dende a guerra de España, á mundial, e a de liberación da Arxelia colonizada por Francia, ata a construción do Transahariano, ou conflitos bélicos  e políticos en Gracia e Turquía.  Unha novela que remata por ser unha maxistral lección de historia e un alegato a favor da vida. 

A obra foi presentada o pasado día 15 de febreiro no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira.