O PSOE de Ribeira, a través do seu concelleiro-portavoz José Manuel Vilas, presentou un rogo para ser debatido en pleno relativo ao topónimo de Ribeira e á necesidade de mudar os elementos e equipamentos municipais onde aínda figura coa versión deturpada, Riveira.

Os socialistas relatan que o pasado 10 de xaneiro foi debatida e aprobada unha proposición do grupo municipal Suma Ribeira sobre os grafismos oficiais a utilizar co topónimo correcto e aprobado pola RAG (Real Academia Galega) e demais simboloxía do Concello, ao que seguiu, nunha xunta de portavoces, a solicitude por parte do alcalde de recadar “os grafismos dos que se teña coñecemento na súa versión anterior escritos a día de hoxe no termo municipal”.

Ao abeiro deste traballo colaborativo, o PSdeG-PSOE Ribeira puxo a disposición do Concello as grafías que “entendemos deberían cambiarse e proceder a súa rectificación, por parte das delegacións que correspondan”.
Foron atopadas nos seguintes puntos e localizacións:
1.- No edificio da Xefatura da Policía Local.
2.- Nos vehículos da Policía Local.
3.- Na indumentaria da Policía Local (insignias).
4.- No vehículo de Servizos Xerais, departamento de Obras, e Notificacións.
5.- Nos vehículos Motobomba anti incendios-Emerxencias 112.
6.- No cartel de Saída de vehículos-Vado Permanente.
7.- Nas Instancias Xerais.
8.- Protección Civil.
9.- Marquesiñas Bus.

En base a todo o exposto anteriormente, os socialistas solicitan ao Goberno local que “se dean os pasos oportunos para ir repoñendo a grafía oficial nos elementos e factores que expuxemos con antelación”.




