O prazo para solicitar os bonos turísticos de Galicia ábrese este luns


O Diario Oficial de Galicia publicou este venres as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, da tarxeta Bono Turístico# QuedamosEnGalicia22 e procede a súa convocatoria para este ano dirixida a todas as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en calquera dos municipios de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará ás 00.00 horas do día 21 de marzo, é dicir, este próximo luns, e finalizará o día 2 de maio de 2022.

Esta nova edición do bono turístico ten como obxectivo estimular a demanda turística interna, a través do consumo de servizos e prestación turísticas en calquera dos establecementos adheridos ao programa e pretende paliar a estacionalidade turística, promovendo o uso da tarxeta máis alá da tempada alta, nos meses de verán. A duración do procedemento coincidirá coa vixencia do programa, é dicir, ata o 31 de decembro de 2022.

O bono turístico consistirá nunha tarxeta prepago para a súa utilización nos establecementos e polas empresas adheridas ao programa e que se atopan publicadas na web de Axénciaa Turismo de Galiciahttps://www.turismo.gal/quedamosengalicia22.

Nesta edición, a Xunta asumirá o 40% do custo dos servizos consumidos e os particulares o 60% restante segundo o importe escollido. Do mesmo xeito que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos usuarios-. Fai falta lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes.

A anterior edición do bono foi unha medida pioneira que permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector, sobre todo nos meses de menor actividade e concentrándose o consumo no último trimestre do ano. Ademais, foi unha historia de éxito de principio a fin ao esgotarse en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles.

BENEFICIARIOS DO BONO TURÍSTICO

Poderán ser beneficiarias deste Bono Turístico as persoas físicas maiores de idade, que estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia. Cada persoa física unicamente poderá solicitar e ser adxudicataria dun Bono Turístico e non poderán solicitar nin ser beneficiarias desta nova edición do Bono turístico as persoas que xa resultaran beneficiarias o ano pasado.

As persoas interesadasdeberán presentar a súa solicitude, obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede. xunta. gal.