O vindeiro 12 de maio remata o prazo para presentar traballos ao XIII Concurso de Viñetas da Deputación da Coruña, que este ano ten como tema central o ‘efecto Matilda’. Dirixido a rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos, o obxecto do certame nesta edición é promover a reflexión, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades en relación ao efecto Matilda, termo empregado por primeira vez pola sufraxista e abolicionista Matilda Joslyn Gage para describir o prexuízo en contra de recoñecer os logros das mulleres científicas, cuxo traballo a miúdo se atribúe a colegas masculinos.
Poderase presentar unha viñeta ou conxunto de viñetas —ata un máximo de 6— en cada unha das dúas categorías a concurso: de 12 a 14 anos e de 15 a 18. Outorgaranse primeiro, segundo e terceiro premio por categoría, que consistirán nun iPad e unha colección de cómics por valor de 100 euros.
Os traballos deberán estar relacionados cunha destas dúas cuestión:
- A visibilización do efecto Matilda nas carreiras científicas das mulleres. Poderanse analizar os prexuízos e as realidades laborais, salariais, teitos de cristal, falta de recoñecemento e fendas das mulleres e as súas carreiras científicas, investigadoras, divulgativas, innovación, etc.
- O recoñecemento de carreiras científicas de mulleres ao longo da historia e ata a actualidade, onde se ilustre sobre o seu traballo de investigación ou carreira, logros e metas na procura de referentes nas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).
O concurso de viñetas é unha das iniciativas que a área de Igualdade da Deputación da Coruña ten en marcha para concienciar sobre as desigualdades que afectan á muller actual na sociedade galega. Súmase a campañas máis específicas, como a do 8M ‘Mobilizadxs xti’, centrada en difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados. Esta campaña permanceu activa durante todo este mes de marzo a través da difusión de dez vídeos para, segundo explicara na presentación a deptuada de Igualdade, María Muíño, “poñerlle cara e voz aos datos, con mulleres e homes que nos conten a súa realidade e o seu relato”. Trátase de testemuños de persoas que achegan unha situación concreta asociada a datos e cifras e que explican como loitan para mudala. Pódense ver na canle de YouTube da Deputación.
As bases do certame de viñetas están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 25 de marzo e poden tamén consultarse e descargarse na seguinte ligazón: https://bit.ly/3uFSMWt
