O pleno de Lousame aproba uns Orzamentos 2022 que ascenden a 3,1 millóns de euros

O pleno de Lousame aprobou o pasado venres 4 de marzo, en sesión extraordinaria e urxente, os Orzamentos Municipais para 2022, que suman 3.160.238,71 euros. As contas foron aprobadas cos dez votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do representante do BNG.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata dun “orzamento garantista e realista, cun esforzo moi importante en Servizos Sociais” e que cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, límite de débeda e incluso coa regra de gasto, pese a non ser obrigatoria este ano. “O 27% do orzamento municipal vai para gasto social, un catro por cento máis ca no exercicio anterior, polo que penso que o esforzo orzamentario en Servizos Sociais é moi destacable”, destacou a alcaldesa.

A voceira municipal do PSOE, Beatriz González Bargo, amosou o apoio do seu grupo aos orzamentos pois “son os que son e a situación é a que temos, aínda que nos gustaría que houbera un pouco máis de investimento”. Neste punto, a rexedora lembrou que “ao final de cada exercicio a cantidade dedicada a investimentos sempre é maior, pero agora preferimos ser garantistas e non incluír investimentos que non temos resoltas”, destacando que “todas as actuacións que están incluídas no capítulo de investimentos están confimadas”. O voceiro do BNG non fixo uso da súa quenda de intervención.

Esta actitude preventiva levou ao Concello de Lousame a incluír unha póliza de crédito nos orzamentos por se finalmente fose necesario empregala para acometer algunha operación de tesourería como, por exemplo, o proxecto presentado no IDAE para mellora da eficiencia enerxética no municipio.

Investimentos

No que atinxe aos investimentos reais, o Capítulo VI suma 583.989,05 euros, dos que case 192.000 euros serán investidos en catro proxectos de pavimentación en Camboño, do interior da aldea vella de Gandarela, dos viarios do núcleo de Badueles e os accesos a Burzó e á costa da Escabia. Así mesmo, investiranse 80.968,09 euros no acondicionamento dun espazo público na aldea de Pousada e outros 65.814,61 euros no camiño de Portela a Seixido.

Outros 128.000 euros serán destinados a dous proxectos de mellora de estradas en Cruído e á segunda fase das obras na pista da AC-543 a un camiño de servizo. A maiores, contémplanse outros 18.394,71 euros para a segunda anualidade das obras de mellora dos accesos a Comparada e Fontefría.

Amais, o Concello de Lousame levará o saneamento á aldea de Vilar (18.504) euros, revestirá o interior do Polideportivo da Silva (29.540,58 euros) e reservará outros 31.764 euros para un programa de compostaxe doméstica e 45.000 euros para parques infantís.

Resto das contas

O gasto de persoal do Concello de Lousame en 2022 será de 1.086.763,56 euros mentres que o gasto corrente medrará ata os 1.252.468,56 euros, dos que máis de 520.000 euros serán destinados a asistencia social primaria e 128.000 euros a alumeado público. Os gastos financeiros experimentan unha caída do 38,5%, ata os 8.850 euros.

No que atinxe aos ingresos, o Concello de Lousame agarda ingresar 1.623.601,1 euros de transferencias correntes doutras Administracións, así como 584.500 euros de impostos directos (IBI, IAE, Vehículos) e 40.000 euros de impostos directos (como o ICIO). As previsións de ingresos por taxas municipais é de 363.448,56 euros.

A sesión comezou coa aceptación por unanimidade da urxencia da sesión, xustificada pola alcaldesa na necesidade de non demorar a aprobación inicial dos orzamentos de 2022 e facilitar a súa entrada en vigor o antes posíbel.