O consello político do Partido Galego (PG) reuniuse os días pasados en Ribeira, no Ateneo Valle-Inclán, co obxectivo de analizar a grave situación política e económica provocada pola guerra de Ucraína polas solucións achegadas polos partidos a respecto destas consecuencias. Tamén se aproveitou para elixir ao coordinador da Área de Mocidade da comisión do PG, que resultou ser Moisés Domínguez.

O PG criticou na xuntanza a política do PP galego, cun líder que “anda de xira atendendo as cousas do seu partido, mentres os galegos estamos a pagarlle o salario e prevendas mediáticas”. A consecuencia directa disto, comentaron, é que “o PP de Galicia non atende os grandes problemas actuais do día a día, e non adecúa a estrutura económica real do país á viabilidade dos sectores primarios, secundarios e terciarios, por tanto calquera situación externa repercute na nosa economía”. O consello do PG salientou que “actualmente existen varios sectores produtivos en grave situación, que veñen derivados da guerra de Ucraína, da pandemia do COVID e dos desgobernos de Galicia e Madrid”.
E engadiron: “Dende o PG vemos como os nosos sectores produtivos, entre os que destacamos o agro-gandeiro, a pesca, a industria e o transporte, enfróntase a tres principais problemas que redundan nos custes de produción e consecuentemente nos beneficios destas empresas”.
Entroncando co devandito, puxeron enriba da mesa as seguintes solucións:
–Custes de electricidade. “Galicia debería ser propietaria da electricidade que se xera no propio país, co que a electricidade tería o custe real que se sitúan entre os 5-10€ megawatts”.
–Custes de combustíbel. “Os gobernos teñen que incentivar as enerxías alternativas como poden ser o aproveitamento dos gases xerados nas explotacións agrarias, as plantas de biocombustíbel, hidróxeno, etc”.
–Falta de materias primas. (cereais e abonos). “O goberno debe activar estratexias para producir as materias primas e aplicar políticas agrarias onde prime a produción de cereais sobre a explotación agroforestal”.
–Situación da agro-gandeiría e pesca. “A Xunta ten que asumir as súas competicións e non culpar de todo ao goberno de Pedro Sánchez, como primeira solución a todo”.
–A invasión de Ucraína por parte de Rusia. “No PG apostamos claramente pola política da paz, da negociación, pero sabendo que ante un lobo como é Putin, a política de ser doces e mansos só esperta neste tipo de personaxes máis soberbia e máis acoso sobre o adversario. A proba está que logo da advertencia da OTAN emitida o 24 de marzo no senso que ante o previsíbel uso de armas de destrución masiva, este tería consecuencias seguras contra Rusia, pois iso foi suficiente para que o día seguinte o 25, declarase a retirada estratéxica ao reduto do Dombas. Sobre este punto e tendo en conta todo o devandito, pedimos a reorientación de moitos proxectos a nivel europeo (encamiñados á soberanía enerxética, alimentaria, a globalización, etc) e novas medidas da UE (reconversión a todos os niveis da propia UE en materia de defensa, de migración, de servizos públicos, da seguridade e de como camiñar na nova orde internacional, onde a UE debe cobrar un papel determinante e autónomo, á marxe da propia estrutura militar de defensa que representa a OTAN).
–Novo marco xeoestratéxico como base de cambio do goberno de España con respecto ao Sáhara. “Estamos a favor do dereito de autodeterminación do pobo saharauí e rexeitamos as manobras de Marrocos usando miles de migrantes como arma de guerra nas vallas de Ceuta e Melilla”.