O Grupo Municipal Popular do Concello de Ribeira presentou unha moción para “paliar o impacto económico da invasión de Ucraína”.

Na presentación de motivos, a agrupación fai saber que “Galicia está ao carón dos esforzos que está a desenvolver a Unión Europea e os gobernos dos distintos Estados membros, incluído o Goberno de España, reivindicando o restablecemento da legalidade internacional e da paz tras a invasión de Ucraína por parte de Rusia, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no preámbulo do tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e na Constitución Europea”.
No comunicado fan saber que as incertezas desta situación “están a provocar un excepcional impacto económico no tecido produtivo e nas familias, que están a facer fronte a unha escalada sen precedentes no relativo aos prezos enerxéticos, así como á escaseza dalgunhas materias primas esenciais na cadea agro-mar-industria e outras industrias”. A isto cómpre engadir o revés que isto supón para as empresas presentes nestes países e para as que exportan produtos e servizos.
En base a todo o devandito, estes serían os puntos da moción:
1. “O Concello de Ribeira insta ao Goberno de España a que faga efectivo o compromiso asumido na declaración pactada na Conferencia de Presidentes celebrada o domingo 13 de marzo de 2022, e poña en marcha as medidas urxentes necesarias para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns tras a invasión de Ucraína e, entre elas, as seguintes:
a) Baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo.
b) Medidas específicas para os sectores máis afectados: transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería e turismo.
c) Apostar por unha transición planificada, proporcional e xusta.
d) Reverter o incremento xeneralizado de impostos, descartando a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.
2. “Así mesmo, o Concello de Ribeira insta á Xunta de Galicia a analizar, xunto cos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión de Ucraína (transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería, turismo…) e, en coordinación coas políticas que ao efecto se impulsen pola Unión Europea e polo Goberno de España, a poñer en marcha aquelas medidas necesarias, no ámbito das súas competencias, coa finalidade de mitigar a situación pola que atravesan os mencionados sectores”.