O Concello da Pobra entrega este sábado os premios do concurso de microrrelatos pola igualdade

O Concello da Pobra informou de que coincidindo coa proxección do documental A poeta analfabeta, o día 26 de marzo celebrarase a entrega dos premios ás persoas gañadoras do concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo! Será posterior á proxección da peza audiovisual que comezará ás 20.00 horas, no Teatro Cine Elma.

A maiores, na liña de colaboración cos centros educativos da localidade, proporcionarase un lote de libros con temática focalizada na igualdade e no feminismo ao IES da Pobra do Caramiñal.

Todas estas accións atópanse ao abeiro da programación posta en marcha pola Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e que se estende ao longo de todo o mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.