O Boiro Voleibol garante a sustentabilidade do proxecto a pesar de que arrastra un déficit desde a campaña 2020-2021

23 Marzo 2022

M. Alvarez.- O Boiro Voleibol celebrou onte á noite unha Asemblea Xeral Extraordinaria na que se deu conta da actualidade do club. A orde do día contaba con varios puntos, sobre todo referentes á actualidade económica da entidade. Os socios apoiaron a xestión da actual xunta directiva, que se puxo á fronte o pasado mes de setembro, sen ningún voto en contra.
O último punto da orde do día versaba sobre un informe económico das tempadas 2020-2021 e 2021-2022. O pasado verán, antes de que Emilio Palacio, presidente do Boiro Voleibol, e o seu equipo directivo puxésense á fronte do club, o déficit ascendía a 231.777,48 euros. Ademais, no momento da toma de posesión xa se pechou o orzamento para a presente tempada, que rolda os 330.000 euros. O mandatario dos boirenses explicou que “durante estes meses, traballamos para normalizar a situación económica. Debido á débeda acumulada, houbo algún momento de tensión en tesourería. Pero o futuro da entidade non está comprometido, porque buscamos a sustentabilidade e estamos dispostos a axustar o proxecto deportivo para garantir a viabilidade vindeira”.
Sobre o punto que facía referencia ás posibles renuncias dos equipos do club para tomar parte nas citas deportivas vindeiras ( play offs, campionatos de España…), a xunta directiva explicou que, na actualidade, non existe un risco “a curto prazo”. Con todo, advertiron que a falta de liquidez polo atraso na cobranza dalgunhas subvencións podería desembocar nese tipo de renuncias.
Os socios preguntaron á directiva sobre o comunicado que o Concello de Boiro fixo público a pasada fin de semana, no que se facía referencia á actualidade económica do club. Neste sentido, Emilio Palacio manifestou que “foi un comunicado emitido polo Concello do que non me corresponde falar. O único que podo dicir é que, en conversacións posteriores, o Concello deunos a súa palabra de que cumprirá esta primavera cos seus compromisos adquiridos. Unha vez que recibamos as subvencións, as contas estarán saneadas”.
Outro dos puntos da orde do día foi a proposta de expulsión dun socio por falta moi grave.
Acerca deste punto, a directiva afirmou que “se abriu expediente a un socio por unha falta moi grave e o proceso segue o seu curso”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...