O BNG ribeirense presenta alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que puxo a exposición pública o Concello de Ribeira. Desde a formación nacionalista cren que se debe avanzar na consecución de espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais que permitan ser centros de socialización e convivencia para toda a veciñanza. Esta visión, segundo os nacionalistas, “implica unhas modificacións profundas na mobilidade e na conformación da trama urbana do centro de Ribeira pero tamén das súas parroquias”.
O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, asegura que o goberno local a debe propiciar unha inversión das prioridades entre os diferentes modos de mobilidade priorizando o tránsito peonil e os medios de transporte públicos e os non contaminantes. Pérez Barral asegura que hai que rematar coa política de asfalto e máis asfalto, de cemento e máis cemento que promove o Partido Popular porque carece de toda lóxica social e económica, constituíndo máis un desorbitado culto á velocidade, ao automóbil e á comodidade sen límites.
O portavoz nacionalista aposta por mudar de maneira radical as prioridades. Mantendo en bo estado as estradas pero creando novos espazos peonís, novas zonas verdes así como facer máis esforzos para mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais da forma máis segura posíbel.
Accesibilidade
Ante os problemas que existen en materia de accesibilidade en practicamente todo o municipio, debido aos obstáculos, anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc. os nacionalistas propoñen que se faga plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas agás que existan informes técnicos que o desaconsellen. Tamén promoven a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal.
Transporte público
Desde o BNG fan unha forte aposta por mellorar o transporte público solicitando que se habilite faga cumprir o prego de condicións do servizo público que presta Monbus, crear unha tarifa reducida para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida, habilitar o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias e sinalizar as paradas e os horarios.
Con respecto a outros medios de transporte cren que A Barbanza, cunha poboación de 66.000 habitantes, precisa incrementar os servizos de transporte público polo que os nacionalistas solicitan estudos da Xunta sobre a viabilidade da conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa.
Seguridade viaria e aparcadoiros
Desde o BNG solicitan elaborar un plan e implementar as medidas necesarias para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares. Por último os nacionalistas solicitan o rescate do aparcadoiro do Centenario para a súa xestión directa por parte do Concello con tarifas asequíbeis, así como a mellora do firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros disuasorios.
