Marcelo Benavídez asegura que o Rotogal Boiro Voleibol gañou confianza trala Copa do Rei

A Superliga regresa pasado mañá á Cachada tras o parón copeiro.

O Rotogal Boiro Voleibol afrontará ante os seus afeccionados un duelo de máxima esixencia contra un
Melilla Sport Capital que se proclamou campión de Copa o domingo tras superar ao Unicaja Almería
por 3-1. O técnico Marcelo Benavídez advirte que a autoestima dos boirenses creceu
tras a súa participación no torneo do K.O.: “A nosa actuación posiciónanos en bo lugar como
equipo e os xogadores sábeno. Seguramente, daranos confianza para afrontar todo o que queda por diante”.

En principio, o Rotogal Boiro Voleibol contará con todos os seus efectivos para baterse cun Melilla
Sport Capital que, segundo explica Marcelo Benavídez, “veñen en busca do primeiro posto da
clasificación e non poden relaxarse nin perder partidos de aquí en diante. Ademais, creo que van vir
moito máis fortes que antes, porque son campións de Copa e están a loitar con Almería
pola primeira posición”. As opcións para vencer aos norteafricanos pasan, en opinión do
adestrador dos da Cachada, por “ser moi agresivos co saque, porque temos unha rotación
moi boa cando nos funciona”.

Sobre o refacho de resultados obtidos nos partidos que se resolven no quinto set, cun triunfo
e seis derrotas para o Rotogal Boiro Voleibol no que vai de curso, Benavídez afirma que “é
preocupante”. “Estou a tratar de buscar un porqué por medio das estatísticas, pero hai veces en que
os números din unha cousa e a realidade, outra distinta. Debemos ter en conta que chegar a eses
quintos sets levounos ao lugar no que estamos hoxe na táboa, así que non creo que nos afecte
demasiado”, agrega.