CONGALSA lanza una aplicación móbil para mellorar a comunicación cos empregados

A empresa alimentaria CONGALSA, con sede na Pobra do Caramiñal, entrou na primavera cunha importante estrea tecnolóxica, destinada a facilitar a súa relación-comunicación cos traballadores e, tamén, a mellorar a operatividade interna. Trátase da aplicación móbil Congalsapp, cuxo desenvolvemento abéirase ao seu proxecto de Industria 4.0, unha fórmula de traballo que non só se estende aos métodos de produción ou ás relacións con provedores e clientes, “senón tamén á comunicación interna entre os traballadores e a empresa”, segundo explicaron fontes da compañía, engadindo que Congalsapp é unha app móbil gratuíta doada de descargar e compatíbel coa maioría dos modelos do mercado. “Isto fai que na práctica calquera traballador da empresa poida tirarlle proveito”, engádese.

A ferramenta ten unha tripla función: para informar, para interactuar e para fidelizar. En primeiro lugar, permite que os traballadores estean informados puntualmente das distintas actividades e eventos que organiza a empresa. A segunda vertente consiste en que os empregados poden opinar acerca das actividades que se organizan. Por outra banda, mediante o uso o equipo laboral de CONGALSA terá a oportunidade de gañar puntos que poderá trocar por distintos agasallos.

A empresa tamén pon o foco nas facilidades postas en xogo para afianzar o uso da aplicación: presenta un rexistro doado de cumprimentar, achega a posibilidade de personalizar o perfil (incluíndo información e unha fotografía) e pon en xogo unha interface de usuario moi intuitiva e sinxela, con todos os seus elementos dispostos para axilizar a navegación.

“Somos coñecedores de cada vez son máis as persoas que utilizan como método habitual de comunicación o teléfono móbil, tamén nas súas conexións a Internet, e tamén sabemos que a nosa condición de empresa global e con Responsabilidade Social Corporativa fai que realicemos distintas actividades que, en ocasións, son descoñecidas polo público. Esta é unha boa maneira de saber que acontece en CONGALSA e cal é a dimensión da compañía”, explican fontes da compañía de produtos do mar, lembrando que a ferramenta non só é unha maneira axeitada de acadar información sobre a compañía, senón tamén de recibir recoñecementos: “Queremos incentivar con obsequios o uso da plataforma, de maneira que imos ofrecer novas posibilidades. Non en balde, os puntos acumúlanse mediante a navegación ou respondendo preguntas sinxelas”. En definitiva, a app preséntase como un instrumento para “facer comunidade” arredor de CONGALSA, un dos obxectivos básicos actuais da compañía.