A Comisión Europea deu luz verde este luns á activación do mecanismo de crise do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura ( FEMPA), que permitirá conceder axudas ao sector pesqueiro para facer fronte ao encarecemento dos combustibles, que provocou que parte da frota permaneza amarrada en porto polos elevados custos de produción.
A activación do fondo de crise permitirá ofrecer axuda financeira á industria pesqueira, acuícola e da transformación polos ingresos que perderon polos elevados prezos dos carburantes e outras materias primas, que se viron levantados pola guerra en Ucraína. Estas axudas complementaranse con subvencións estatais do Marco Temporal de Crise.
A mediados de marzo, España, apoiada por Bélxica, Bulgaria, Croacia, Chipre, Grecia, Italia, Irlanda, Letonia, Lituania, Portugal, Romanía e Eslovenia, pediu nunha carta á Comisión Europea que examinará medidas para paliar a situación da frota, como axudas directas ou rebaixas fiscais, no marco do Fondo Marítimo Europeo para a Pesca. O fondo serve para apoiar o sector pesqueiro non está destinado a sufragar custos operacionales, polo que os países pediron que se aplique unha excepcionalidade pola situación de crise.
O mecanismo de crise do FEMPA é unha medida temporal e aplicarase retroactivamente a partir do 24 de febreiro de 2022, data que marca o inicio da agresión de Rusia a Ucraína, e manterase ata finais de 2022. Os Estados membros poden decidir se desexan utilizalo ou non pero de facelo, deberán incluílo na próxima versión do programa do FEMPA que presenten á Comisión.
O mecanismo activado polo Executivo comunitario permite aos Estados membros conceder dous tipos de axudas. Por unha banda, unha compensación financeira aos operadores dos sectores da pesca, a acuicultura e a transformación polos ingresos perdidos e os custos adicionais derivados da actual perturbación do mercado.
Doutra banda,ofrecerase unha compensación financeira ás organizacións de produtores se implementan o mecanismo de almacenamento da organización común de mercados. Este mecanismo permite ás organizacións de produtores almacenar os produtos dos seus membros, de maneira que se garanta un nivel de prezos satisfactorio no mercado.
