Boiro celebra o 8M con obradoiros e actividades en colaboración con entidades locais

O Concello de Boiro, a través da Concellería de Feminismo e Igualdade, organiza unha serie de accións a desenvolver para conmemorar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, en colaboración con entidades e asociacións locais. A concelleira de Feminismo e Igualdade, Dores Torrado, presentou esta
mañá as actividades acompañada de Susana Muñiz, da escola de danza Cen Pliés; Natalia Romero, de Cruz Vermella; e Celtia Iglesias, da Asociación Ambar.
O programa de actividades busca “achegar a importancia da igualdade a todos os ámbitos da sociedade como é o ámbito deportivo”, tal e como afirmou a concelleira, Dores Torrado. Para iso vaise realizar a presentación do proxecto “Nós tamén xogamos”, uns vídeos de mulleres deportistas dos distintos clubs
deportivos do municipio e que será o venres 4 de marzo ás 19.00h no Centro Social de Boiro. Vencellado ao mundo do deporte vaise expoñer na rúa peonil unha mostra fotográfica de mulleres referentes no eido deportivo “Semente de igualdade”.
Dende a Concellería de Feminismo e Igualdade, no marco das actividades do Pacto de Estado, organiza durante este mes unha serie de obradoiros como son de manexo de estrés e ansiedade ou saúde afectivo- sexual. As inscricións nos cursos poden facerse no Centro de Información á Muller (CIM) no enderezo electrónico cim@boiro.org ou o teléfono 981 84 48 00 ext. 1285.
As mulleres do grupo de artes escénicas de Asociación Ambar van realizar, o venres 11 de marzo ás 20.00 horas na Casa da Cultura, a representación teatral “As paisaxes de Camille”, unha acción artística sobre a
loita contra a violencia de xénero no rural. “Ambar cumpre 40 anos de loita na igualdade de oportunidades e, con esta representación, buscase facer transcender a loita da igualdade de oportunidades da muller no eido rural”, afirmou Celtia Iglesias.
Cruz Vermella vai levar a cabo unha exposición urbana de fotografías das persoas usuarias dos talleres de memoria de todas as parroquias. “A mostra leva por título ‘Coidadoras e referentes’ e busca servir de homenaxe a todas elas”, recoñeceu Natalia Romero.
Susana Muñiz, da escola de danza Cen Pliés, explicou a peza “Ceibes”, unha performace de ballet que “nace da necesidade de liberación e de romper clichés e estereotipos da muller na danza e outros ámbitos da vida”. Será o 26 de marzo ás 19.00 horas na rúa Estatuto de Galicia (rúa Peonil).