As Brigadas Deseucaliptizadoras, con orixe e sede principal na aldea de Froxán (Lousame), están este días de celebración: xa cumpriron tres anos de traballo e acadaron a adhesión de máis de 1.000 brigadistas inscritas. Para celebralo lanzan xunto coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grixoa de Esternande, en Santa Comba, a primeira acción en terras xalleiras.

Trátase dunha plantación de 1.000 árbores autóctonas, na súa maior parte carballos, que se plantarán na xornada do sábado 19 de marzo, “homenaxeando con cada árbore todas as voluntarias participantes e facendo un chamado para que se sumen moitos milleiros máis”, informan dende as Brigadas, engadindo que a Comunidade de Montes Veciñais de Grixoa de Esternande é o último dos colectivos veciñais que se uniu como anfitrioa local neste proxecto, unha adhesión que se complementa cun convite á participación neste sábado na primeira das convocatorias que organiza nos seus terreos comunais. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico antes do día 16 de marzo a brigadas@verdegaia.org.
A xornada comezará ás 9.30 horas cos traballos de plantación de especies autóctonas, continuando logo do xantar comunitario con actividades lúdicas e culturais, incluíndo un espectáculo de monicreques para as máis pequenas.