Adolfo Muíños presenta en Santiago a fronte común de 18 concellos a prol do galego: a Asociación Alingua

21 Marzo 2022

Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é xa unha realidade. Tras dela, dándolle impulso e forza, atópanse dezoito concellos da nosa terra. O seu obxectivo, a través desta nova cooperativa intermunicipal, é “fomentar proxectos conxuntos de dinamización lingüística”. A entidade é froito das necesidades do tempo que nos tocou vivir, un tempo no que o galego perde terreo en múltiples ámbitos, sobre todo os relacionados coas novas xeracións. Emporiso, o traballo conxunto dos concellos porá o foco nos puntos de encontro dixitais, cada vez máis empregados pola totalidade das mozas e mozos da nosa terra. De aí que a estrea oficial da iniciativa sexa unha campaña (Alingua aí!) que conta con algúns dos principais referentes dixitais da nova comunicación galega.

Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir en Santiago a presentación da asociación celebrada no Auditorio de Galicia, este luns 21 de marzo. Muíños aproveitou a súa intervención para destacar o “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado”. Segundo dixo o rexedor rianxeiro, do nome da asociación xorde alinguar, “verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. Trátase, en palabras do propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”.

O devandito vocábulo, suposto “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes sociais, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez. A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Isamel Ramos e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”, “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.

Dezaoito concellos

Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística.

Alingua aí!

A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se está a desenvolver para dar a coñecer a asociación e os seus fins. Baixo o lema Alingua aí, xógase coa propia marca da entidade para comunicar a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.

Á presentación de Alingua asistiron representantes municipais de diferentes concellos. Acudiron Rubén Prol e Escarlata Pampín, concelleiros de Santiago e Ames (respectivamente), o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos Rodríguez. Tamén estiveron presentes a concelleira de Educación de Narón, Mercedes Taibo; a concelleira de Normalización Lingüística da Baña, Lorena Trillo; a concelleira de Cultura de Ribadeo, Pilar Otero; a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón; a concelleira de Lingua de Teo, María López Álvarez; o concelleiro de Urbanismo de Moaña, Odilo Barreiro, e a concelleira de Cultura de Ames, Natividad González Rodríguez.

Os grupos parlamentarios tamén acudiron ao acto. O grupo do Partido Popular estivo representado por Ovidio Rodeiro; por parte do BNG asistiron Mercedes Queixas e Daniel Castro, e polo grupo do PSdeG estivo Noa Díaz. A subsecretaria de Política Lingüística, María Lourdes Batán, representou no acto a Xunta de Galicia. Por parte dos grupos municipais do Concello de Santiago, acudiron Javier Fernández, do PSdeG; Marta Lois, de Compostela Aberta, e Goretti Sanmartín, do BNG.

Entre a asistencia, tamén destacou a presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras; da presidenta da Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística, Anxos Sobriño; o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, Gabriel Álvarez; María Dolores Candelo, de Nova Escola Galega; e o director do Instituto da Lingua Galega (ILG), Xosé Lois Regueira.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Galicia, en el buen Camino turístico”. Alberto Barciela

“Galicia, en el buen Camino turístico”. Alberto Barciela

En el turismo hay una característica administrativa que hace muy peculiar a Galicia: la dependencia directa del Presidente, y así ha sido con Manuel Fraga y los es con Alfonso Rueda. Desde que el León de Vilalba, un hombre que puso a la España autárquica de Franco en...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.