A RAG lembrou este xoves 17 ao ribeirense Xosé Ramón Barreiro, un dos grandes construtores da actual identidade galega

A Real Academia Galega (RAG) celebrou e honrou este xoves 17, no cabodano do seu falecemento, a figura do ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen fora presidente da entidade entre os anos 2001 e 2009 e que está considerado un dos grandes renovadores da institución. A RAG salientou a contribución de Barreiro como “autor fundamental dos estudos da historia da Galicia contemporánea e da súa divulgación, bibliófilo erudito, orador brillante e impulsor dunha nova etapa de renovación da RAG a comezos deste século”. Todos estes perfís foron evocados nun programa que xuntou a compañeiros, amizades e discípulos no salón de actos da rúa Tabernas 11 da Coruña ao que lle puxo música a violonchelista Margarida Mariño.

“Este é un acto de memoria e de agradecemento a quen dedicou tempo, esforzo e moito talento para poñer ao día a institución histórica da cultura galega”, salientou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. “Da man de Xosé Ramón Barreiro, tanto na súa etapa como tesoureiro como despois dende a presidencia da RAG, afrontouse un profundo proceso de modernización, actualización de recursos e programas de traballo que abriron novos horizontes para os que viñemos detrás, horizontes que debemos ampliar. Como xestor, a RAG beneficiouse da súa dedicación e das súas capacidades. Como intelectual e como historiador, a súa obra marca un fito de extraordinaria relevancia na construción da identidade da nación, unha visión nova e moderna da Galicia histórica e da Galicia do presente”.

A homenaxe foi organizada, como recoñecemento a súa persoa e á súa obra, pola Sección de Historia da RAG, arestora dirixida polo académico Ramón Villares, que será o encargado de trazar o retrato biográfico do homenaxeado. Previamente, na apertura do acto interviron, xunto ao presidente da Academia, Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, e Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, do que Xosé Ramón Barreiro formou parte durante tres décadas como persoeiro destacado. A celebración contou ademais coa colaboración do Concello da Coruña, a cidade onde residiu dende mediados da década dos anos 80 xunto á súa dona e o seu fillo.

Os escenarios vitais: de Santiago de Compostela a Roma e A Coruña

Na homenaxe lembrouse outro dos escenarios clave para a traxectoria do profesor Barreiro, que non foi outro que Santiago de Compostela, segundo lembrou Ramón Villares, compañeiro del durante catro décadas no Departamento de Historia Contemporánea da USC, onde foi “unha persoa esencial para a creación dos estudos da historia contemporánea de Galicia na universidade galega”. Nesta cidade ordenárase sacerdote antes de partir a Roma para se doutorar en Dereito Canónico (1965) pola Universidade Gregoriana, nos tempos do Concilio Vaticano II. “Aqueles foron anos de moito proveito non só intelectual, senón tamén vital, como el mesmo acostumaba lembrar. De volta en Compostela, axiña se converteu nunha figura relevante na cidade, como profesor do Seminario, pero tamén como referente dos clérigos que quixeron aplicarlle á Igrexa galega algunhas das novidades conciliares”, explica o académico.

No acto destacouse que “coma moitos outros relixiosos renovadores, Xosé Ramón Barreiro optou nos anos 70 pola secularización, unha decisión que coincidiu cunha nova etapa formativa na Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou a carreira de Filosofía e Letras, na sección de Historia, e se titulou en 1974 cunha tese de licenciatura sobre o reformismo universitario de Fernando VI”. Esta tese foi defendida nunha aula magna chea de xente. “Era un traballo moi interesante no que xa demostraba achegas substanciais dun investigador maduro”, rememorou o académico Pegerto Saavedra, encargado de moderar a mesa na que tres dos seus discípulos, Emilio Grandío, Ana Romero Masiá e José Ramón Rodríguez Lago, profundaron nalgunhas das súas liñas de investigación e compartiron lembranzas persoais.

Historiador da Galicia contemporánea

“Barreiro chegara á Universidade como estudante, pero cun fardel de coñecementos e experiencias que se fixo decontado ben patente entre todos os seus condiscípulos, aos que sempre tratou con solidariedade e comprensión intelectual”, engadiu Ramón Villares, quen dixo que “alén da diferenza de idade e formación”, contaba cunha liña de investigación propia da historia eclesiástica que continuaría a promover entre os seus discípulos. “El non chegou ata o século XX coido que por manter a distancia no tempo e vital, porque foi un dos líderes da renovación eclesiástica que coincide coa loita contra o franquismo e a galeguización da Igrexa, pero foi un mestre para moitos dos que nos dedicamos á súa historia”, valorou o profesor da Universidade de Vigo José Ramón Rodríguez Lago.

A súa tese de doutoramento como historiador dedicouna ao campesiñado galego e defendeuna no ano 1979. Para entón xa tiña publicadas dúas obras “tan pioneiras como clásicas”, El carlismo gallego (1975) e El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977). Na homenaxe deste 17 de marzo destacouse que ambas as dúas obras sinalan xa unha das grandes liñas de investigación nas que profundaría a partir dos anos 80: a historia da vida política de Galicia —que o levou a indagar o proceso de formación das grandes correntes ideolóxicas e políticas da Galicia dos séculos XVIII e XIX—, e a historia institucional e cultural. “Outra faciana da súa investigación estivo dedicada ao estudo das eleccións parlamentarias, o funcionamento do caciquismo e as biografías dos principais líderes políticos, e tamén creou obras moi relevantes sobre a historia da prensa e a imprenta en Galicia ou o estudo biográfico da figura esencial do Rexurdimento galego, Manuel Murguía, historiador e primeiro presidente da Real Academia Galega”, resumiu Ramón Villares.

O director da Sección de Historia da RAG salientou ademais o papel desempeñado por Xosé Ramón Barreiro en distintas institucións e o tempo compartido no posta en marcha dos estudos de historia contemporánea de Galicia. “Foi un traballo moi intenso que nos permitiu constituír, con puntos de vista ás veces distintos, un departamento baseado en criterios académicos e de calidade, privilexiando a pluralidade que creo que explica o vizoso que aínda é hoxe o departamento de Historia Contemporánea da USC”, valorou.

A obra de Barreiro na voz dos seus discípulos

Emilio Grandío, un dos historiadores que seguiron o seu ronsel, puxo o acento nunha cuestión reiterada na obra de Xosé Ramón Barreiro. “Tratou practicamente todos os planos do que significa a historia contemporánea de Galicia, e fíxoo sempre formulando preguntas para tratar de responder que é o pobo galego e dotalo de vida propia. Dende o meu punto de vista, foi un dos grandes creadores disto que damos en chamar Galicia a través do pasado, desa identidade propia xerada tras a transición democrática. Ver a Barreiro era escoitar a Galicia”, reflexionou o profesor da USC, que profundou nos traballos de historia política do homenaxeado.

A relación de Xosé Ramón Barreiro coa Igrexa foi outro dos eixes da mesa, a cargo de José Ramón Rodríguez Lago, que se detivo tanto nos seus estudos sobre esta institución como no seu importante papel na “década prodixiosa de 1961 a 1971”, na que novas xeracións de relixiosos pulaban pola súa modernización. “Ordenouse sacerdote en 1961, na maior promoción do século XX en Galicia, e fíxoo co mellor currículo. Tras os anos en Roma, foi un dos organizadores e líderes do Concilio Rexional de Galicia, que imitaba o que acontecera no Vaticano. El foi un dos inspiradores desta estrutura que se deu en Galicia, que tiña a particularidade de incluír as cinco dioceses, e foi elixido como representante do clero. Aínda na ditadura, os curas si elixían”, apuntou.

Xosé Ramón Barreiro nunha imaxe de Xosé Castro

Os estudos do profesor sobre a cidade da Coruña foron outros dos temas destacados na mesa sobre a súa obra na voz dos seus discípulos, da man de Ana Romero Masiá. “A súa Historia de la ciudad de La Coruña (1986), ampliada dez anos despois, é unha obra de referencia obrigada para o coñecemento da historia da cidade na que, grazas a un esforzo titánico de emprego de todas as fontes de información dispoñibles no momento, consegue facer unha síntese dos séculos de historia da Coruña aínda non superada. O valor desta obra acrecéntase se temos en conta a escaseza e pobreza dos traballos anteriores”, explicou.

Un orador capaz de convencer a todos os públicos

Amizades, compañeiros e discípulos destacaron tamén o carisma do que gozaba Xosé Ramón Barreiro e a súa gran capacidade oratoria, memoria enciclopédica e erudición. “Foi un historiador vocacional, cunha obra publicada de enorme erudición e calidade, que accedeu a numerosas fontes históricas, en boa medida grazas á súa bibliofilia”, resumiu Ramón Villares.

“Non só era o que dicía, era como o dicía, con esa figura impoñente e gran voz que tiña, un trono de Galicia que se che metía dentro. Era capaz non só de falar ante calquera auditorio, senón de convencer calquera auditorio, sabía ler moi ben ante quen estaba”, evocou Emilio Grandío. “As súas conversas eran un marabilloso complemento das explicacións dos docentes e abrían novas perspectivas sobre innumerables campos de intereses históricos”, engadiu Ana Romero Masiá. “Tiña unha memoria portentosa e foi sempre moi xeneroso no aspecto persoal e intelectual. Pola súa formación filosófica e teolóxica, coñecía moi ben a condición humana, e chegado o momento era tamén moi irónico”, concluíu Pegerto Saavedra.