A Deputación da Coruña organiza unha gran gala de premios culturais 2020 e 2021

O escenario do Teatro Colón acolleu este mércores 30 de marzo a presentación de Gala de Premios Culturais da Deputación correspondentes aos exercicios 2020 e 2021. Nela recoñecerase o traballo de 31 persoas. O evento reunirá no propio teatro a preto de 150 asistentes que participaron de xeito directo no desenvolvemento destes premios, entre xurados, comisariados e comisións lectoras.

A gala será o sábado 23 de abril ás 19.00 horas e en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto, “suporá posiblemente o maior encontro cultural do ano e do país”. Na presentación participaron, ademais de Xurxo Couto, as actrices que conducirán o evento, Carmen Méndez e Lidia Veiga, que tamén se referiron á singularidade da Gala indicando “que non se parece a ningunha outra que se teña celebrado antes, porque xunta a persoas de disciplinas moi diversas e de diferentes ámbitos culturais”. O evento inclúe tamén as actuacións do contador Celso F. Sanmartín e da formación musical Son Trío, composta polas músicas Su Garrido Pombo (voz) Katerina Linke (piano), e Susana Blanco (cello). Todas as persoas premiadas recibirán unha escultura creada ad hoc pola artista Soledad Penalta.

Carmen Méndez puxo en valor a diversidade de disciplinas que conforman o abano de convocatorias que inclúen 5 premios literarios – o Torrente Ballester de narrativa, o González Garcés de poesía, o Dieste para textos teatrais, o Rañiña Lupa de LIX e o Manuel Murguía de ensaio-, 5 premios de artes visuais – o Ksado de creación fotográfica, o Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, o Jesús Núñez de artes gráficas, o Antón Fraguas de artesanía e o Castelao de banda deseñada-, 3 premios de música – o Narf para artistas e grupos musicais, o Andrés Gaos de composición musical e o Quero Cantar para bandas infantís e xuvenís-, e 2 premios para a acción cultural- o Rosalía de Castro de dinamización da lingua e o Begoña Caamaño para a igualdade de xénero.

Lidia Veiga, pola súa parte, referiuse ao perfil das persoas que participaron en tarefas de xurados, comisariados e comisións lectoras salientando a diversidade de disciplinas, desde poetas, dramaturgos e dramaturgas, escritores e escritoras de narrativa, xornalistas, críticos especializados en música, fotógrafos, artistas plásticas, teóricas da arte, ou curadores e curadoras. Ademais aproveitou para falar da escultura que se entregará nesta edición e que xoga cos elementos representativos da obra da noiesa Soledad Penalta: metal curvado e siluetas humanas. “Neste caso, trátase dun ‘c’ realizado en aceiro que representa o ‘c’ de Cultura e o ‘c’ de Coruña, e que está suxeitado na base por siluetas que para min representan á xente que sostén e que eleva a cultura deste país” indicou Lidia Veiga.