Un accidente en Porto do Son sáldase con dúas persoas feridas

Dúas persoas resultaron feridas despois de colidir dous turismos no concello coruñés de Porto do Son, concretamente, á altura da parroquia de Xuño.

O 112 Galicia tivo constancia deste accidente pasados vinte minutos das doce deste mediodía, grazas á chamada de alerta dunha persoa particular. No seu relato, informaba de persoas feridas a causa dunha colisión entre dous vehículos. Aseguraba que non eran precisos os medios de excarceración.

Con este datos, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes de Tráfico e Policía Local así como aos efectivos de Protección Civil.

No transcurso da chamada, outra persoa particular informaba do mesmo accidente, indicaba ademais que un dos vehículos batera contra un poste de alumeado. Por iso, ata ao lugar tamén se desprazaron os Bombeiros de Ribeira e os membros do GES de Noia. Do mesmo xeito, foron informados o persoal da empresa subministradora de electricidade que abastece a zona.

Finalmente, segundo a información recibida a través dos membros de Protección Civil, dúas persoas foron trasladadas polos profesionais sanitarios.