
Nos caladoiros de Terranova, ao igual que nos de Malvinas ou Gran Sol, conflúe un importante número de buques de pesca de distintos países. Pero son, en esencia, pesqueiros españois e portugueses -agora tamén chineses e coreanos, entre outros- os que con maior presenza se manteñen faenando nos distintos bancos de pesca desas áreas mariñas.
Os citados de Terranova, Malvinas e Gran Sol son para Galicia -comunidade coa máis importante frota pesqueira de Europa por número de barcos e tripulantes- as zonas “naturais” de expansión dado o minguado da súa plataforma. Mais son tamén os caladoiros máis perigosos, aqueles aos que, aínda hoxe, van os barcos cunha certa reserva por parte dos seus mariñeiros e as familias destes. A proba témola no “Villa de Pitanxo” que, con 24 homes a bordo, afundiu deixando o ronsel de 12 desaparecidos, nove falecidos e tres sobreviventes. Un dos máis duros naufraxios para a pesca mundial nos último anos.
Nestes intres, algo máis de media ducia de barcos de pesca españois e portugueses rastrexan a zona na que o conxelador de Marín naufragou vai oito días. Tentan atopar os corpos dalgúns dos mariñeiros desaparecidos, pero coa convicción de que, senón todos, a maioría deles permanecen no interior do buque afundido.
Considerada a maior potencia pesqueira de Europa e unha das máis importantes do mundo (máis de 9.000 barcos que faenan en augas de moi diversos países e os seus perto de 70.000 tripulantes de moi distintas nacionalidades) España soubo dar un paso avante, en 1982, coa cobertura sanitaria que demandaban os mariñeiros que faenaban no antigo banco canario-sahariano.
Foi decisivo: a Seguridade Social, a través do Instituto Social da Mariña (ISM), adquiriu de segunda man en 1977 un antigo buque portacontedores co que poñer remate á dependencia que os españois que aló faenaban tiñan nos caladoiros africanos dos buques sanitarios ou hospitais cubanos que colaboraban con países pesqueiros da zona. Estes buques cubanos atendían sen contraprestacións de ningún tipo aos mariñeiros españois e doutras bandeiras.
A situación mudou de xeito evidente cando, en 1982, modificado e adaptado ás circunstancias, o primeiro buque-hospital “Esperanza del Mar” pasaba a ser unha realidade entre as ducias de pesqueiros españois que faenaban no devandito banco canario-sahariano, ao tempo que tamén prestaba axuda a calquera outra embarcación na zona, sen ter en conta bandeira ou condición, do mesmo xeito que antes o facían os cubanos. Aló, en augas centro e norafricanas segue o novo “Esperanza del Mar”, un buque-hospital en condicións, como en condicións está o tamén buque-hospital “Juan de la Cosa” pertencente ao ISM, que atende fundamentalmente á frota boniteira española desde as Illas Azores a Gran Sol, pasando polo Golfo de Biscaia.
Con esta experiencia, España debería formularse -de acordo con Portugal e a organización NAFO- situar en Terranova un terceiro buque-hospital que atendera preferentemente os barcos da península Ibérica e ás tripulacións destes.
É evidente que hoxendía hai menos buques en Terranova. Mais tamén o é o feito de que a bordo dos que alí están hai enfermidades, accidentes e, como ven de ser constatado, pesqueiros que poden precisar dos servizos de busca e rescate in situ de mariñeiros que caen ao mar. No caso do “Villa de Pitanxo”, ese terceiro buque-hospital estaría agora mesmo buscando aos tripulantes desaparecidos, após prestar os seus servizos no rescate de aqueles homes que acadaron chegar a utilizar dúas balsas salvavidas, sen necesidade de que os familiares en terra demanden un rastrexo por parte de embarcacións e avións canadenses en, non o esquezamos, augas internacionais, iso si, responsabilidade SAR de Canadá.
Sería pechar o círculo da seguridade para os mariñeiros españois en caladoiros de maior perigo do mundo.