“Que non quede na apariencia, por favor”. Antón Luaces

En moitas vilas e pobos da Galicia mariñeira quedan os remorsos dos que agora son conscientes de no ter feito o que debían ou querían para honrar aos que se foron e aos que viviron a anguria de nen siquera ver aos que se foran polo mar abaixo. GALICIA, unha outra vez, chora aos seus. Chora aos que aínda non foron recuperados nesa bacía das tormentas de toda caste que é o caladoiro de Terranova no que tantas galegos escribiron historias ás que non tiveron ocasión de poñer a última verba: FIN.

Agora, tamén unha outra vez, os voitres sobrevoan Marín, Cangas, Bueu, Cambados, Moaña, Vigo, Lepe (Huelva), Tenerife, Perú, Ghana, sabedores de que van atopar aquilo que máis os chama: carnada. Son, os citados para aventar o gran para se quedar con este e a palla. Son os que abren carreiros polos que os sobreviventes e as familias dos mortos e desaparecidos deben camiñar para non estorbar aos que están cansos de sobrevoar na percura dunha presa: sacar tallada. Porque ata de casos coma o afundimento do arrastreiro conxelador de Marín “Villa de Pintanxo” hai que tira proveito. Mesmo desde os medios de comunicación, aqueles que só se ocupan do mar e dos mariñeiros en casos coma este, protagonizado polos 24 tripulantes do buque de só 14 anos de vida que hoxendía ocupo a todo deus para falar de 9 falecidos, 3 sobreviventes  e 12 desaparecidos. 

Non é estrano, polo tanto, que a organización de titulados náutico-pesqueiros (AETINAPE) demande que “tras o pranto e as bágoas destes días, as autoridades  non deixen soas ás familias das vítimas do “Villa de Pitanxo” na peregrinaxe burocrática que lles espera”. E dí asimesmo AETINAPE: “Diante do terrible accidente e  o seu elevadísimo custe en vidas humanas, agárdase que baixo as bágoas das autoridades -que compartimos e valoramos en toda a súa dimensión- se acubille a máis absoluta dilixencia á hora de proporcionar ás famillias tanto unha axuda psicolóxica axeitada coma un tratamento personalizado na tramitación dos asuntos legais” e propón a apertura dunha oficina específica  para a atención ás familias. “Sería o único xeito de evitar a dobre dór: a da nova en sí mesma e a da abulia posterior na peregrinaxe polas ventaiñas da administración. Oxalá os mediáticos propósitos destes días non sexan o preludio dun desgaradable silenzo “.

Abunda neste senso o sindicato CIG, que manifesta o seu pesar polo acontecido e espera  que “maís pronto que tarde” se atopen as persoas  deasaparecidas ou os seus corpos. O sindicatao nacionalista galego traslada a súa solidariedade aos afectados e ás familias dos mariñeiros.Compre lembrar que os desaparecidos por naufraxio son falecidos a todos os efectos, grazas a unha lei de principios deste século impulsada por AETINAPE e defendida polo PNV no Congreso dos Deputados.

Precísamente no Congreso gardóuse este mércores un minuto de silenzo, que todos os deputados respectaron, na memoria das vítimas do afundimento do conxelador marinense.

A casa armadora deste buque, “PESQUERÍAS NORES MARÍN, S.L. e a asociación ARVI, de Vigo, trasladan asimesmo as súas condolencias ás familias e compañeiros dos tripulantes do “Villa de Pitanxo”. 

E este xoves pola mañá chegará a Vigo o ministro de Pesca, Luis Planas, para se entrevistar cos representantes de ARVI e, posteriormente, en Marín, cos da sociedade armadora para lles expresar a solidariedade do Goberno de España ás familias e compañeiros das vítimass do naufraxio.

Pola súa banda o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, ao igual que o fixera o martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, trasladaron a súa solidariedade e agarimo ás familias das vítimas e ao mundo mariñeiro.

Os voitres voan alto, moi alto. A súa incrible vista permítellelo. Sempre atopan o que precisan para seguir a voar nas alturas. No mar só quedan as lembranzas.