
Os responsables de Salvamento Marítimo e da Dirección Xeral da Mariña Mercante, desprazados a Galicia este xoves, mantiveron un encontro con familiares dos mariñeiros falecidos e desaparecidos no naufraxio, o pasado día 16, do conxelador de Marín “Villa de Pitanxo”. Previamente a esta reunión, sabíase que os catro barcos galegos e outros de bandeira portuguesa que seguen a pescar en augas de Terranova (ao tempo que atenden a posibilidade de que nos aparellos poidera vir algún dos corpos de mariñeiros desaparecidos, ou ben que -caso pouco probable- algún deles poidera aboiar na zona) o único que atoparon ata o de agora son restos do naufraxio, maiormente aparellos. Ningún outro sinal, desgrazadamente, dos 12 tripulantes desaparecidos, cuestión que abunda na convicción de que os corpos que se buscan ou ben están nas instalacións do interior do pesqueiro ou a forte corrente do Golfo os levou ata onde non se sabe onde.
Este feito non fai que se renuncie á súa recuperación malia ser esta cada día máis difícil. De ahí que se confíe nas posibilidades da utilización de medios máis sofisticados e profesionais técnicamente, como os que ofrece a empresa pontevedresa ACSMships, dedicada á subministración de medios e servizos submariños e que pode ser decisiva para a localización do pecio do “Villa de Pitanxo” e, unha vez visualizado, realizar unha panorámica do buque afundido, decisiva para determinar as posibilidades -xa expostas por este xornal- da utilización de robots na suposta recuperación dos homes que se especula poidan permanecer aínda nas instalacións do barco de Marín.
Salvamento Marítimo, sociedade dependente da Dirección Xeral da Mariña Mercante, non desbota a posibilidade de seguir rastrexando o lugar de afundimento do pesqueiro, utilizando para elo un dos seus mellores buques polivalentes. apoiando deste xeito a petición nese sentido das familias dos desaparecidos e malia a decisión adoptada por Halifax (Canadá) de retirar os seus medios de busca. O tempo empiora novamente e calquera que sexa a decisión a tomar todo fai pensar en que non vai ser posible que, antes dunha semana, se posicione na zona un buque español con tripulación afeita a este tipo de intervencións de busca e, chegado o caso, utilizar medios propios para, se a climatoloxía o permite, recuperar todos os tripulantes desaparecidos que se poida.
A esperanza existe. Tamén a convicción de que non vai ser doado rematar co resultado apetecido a busca que se proxecta.