O Entroido de Ribeira achega á cidadanía unha semana de celebracións

A axenda festiva de Ribeira neste punto de inflexión entre febreiro e marzo ofrece unha vintena de iniciativas que destacan pola variedade e por un interese compartido en revitalizar e reivindicar a cidade de Santa Uxía, as parroquias e o tecido comercial do municipio.

Este ano optouse por ofertar novas actividades descentralizadas, por exemplo festivais infantís en Aguiño e Palmeira, espectáculos familiares en Carreira e Artes e outros. Mantense o Enterro do Felipe o mércores 2 de marzo, que desta volta eríxese nunha das propostas estrela, non só polo seu carácter histórico, senón pola expectación xerada pola contribución artística dos usuarios do obradoiro de carpintería da Unidade de Día da UAD capitaneados por Manolo Casais, que foron os responsábeis do deseño e construción da figura.

A concelleira María Sampedro na presentación das actividades

A axenda tamén ofrece animación musical todos os días ao ritmo das charangas O Santiaguiño de Padrón e BB+, que percorrerán as rúas e prazas da cidade en distintos horarios. Tamén é de salientar o triplo concerto dos grupos locais Amores de barra, Leite con Jalletas e Os Juapos que se celebrará o luns 28 de febreiro ás 21.30 horas no paseo do Malecón.

A poboación infantil será novamente a protagonista de diversas actividades, por exemplo inchábeis, obradoiros e animación musical, que incluirán agasallos para quen vaia disfrazado e rifas para o sorteo dun obsequio sorpresa en combinación coas tres últimas cifras do Sueldazo da ONCE do domingo 6 de marzo. Estas festas terán lugar de 5 a 8 da tarde o sábado 26 en Aguiño, o martes 1 de marzo en Ribeira con desfile e entrega de diplomas, e o sábado 5 de marzo en Palmeira.

Este luns 28 de febreiro, véspera de festivo, un tren infantil percorrerá as rúas da cidade dende as once da mañá ata as oito da tarde. Media hora despois, ás 20.30 horas, comezará o concurso de disfraces para maiores de 18 anos polos locais de hostalería participantes, convocado en colaboración coa asociación de hostaleiros e no que se repartirán 1.775 euros en premios (as bases completas deste concurso están en ribeira.gal). En colaboración coa hostalería tamén se retoma a ruta de tapas do pequeno Entroido, que nesta quinta edición se amplía a dúas xornadas e terá lugar o sábado 5 e o domingo 6 de marzo.

Axenda

-VENRES 25

Música na Rúa: O Santiaguiño de Padrón, a partir das 9 da noite.

-SÁBADO 26

Festa infantil de Entroido. No Pavillón do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, de 17 a 20h.

Música na Rúa: O Santiaguiño de Padrón, a partir das 21.00 horas.

Concerto de Sondarúa, no parque García Bayón a partir das 21.30 horas.

-DOMINGO 27

Entroido coa Asociación Alfaia. De 18 a 21h. No Espazo Municipal de Usos Múltiples.

Música na Rúa: O Santiaguiño de Padrón, a partir das 18.00 horas.

Teatro: A nena que quería navegar, de Redrum. No Auditorio ás 19h.

-LUNS 28

Expreso do Entroido. Tren infantil que percorrerá as distintas rúas da cidade. Saída e chegada da praza do Concello, de 11 a 14 e de 17 a 20 h. Entrada de balde.

Contos de medo que deixan durmir, de Caxoto, na Casa da Cultura de Carreira, ás 18h.

Concerto triplo no Malecón (Amores de Barra + Leite con Jalletas + Os Juapos) ás 21.30.

Música na Rúa: Os Santiaguiños de Padrón a partir das 22h.

Concurso de Disfraces. De 20:30 h a 1:30 h. polos bares participantes. Organiza a Concellería de Cultura en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Ribeira.

-MARTES 1

Música na Rúa. O Santiaguiño de Padrón. A partir das 12h.

De 5 a 8 da tarde no Espazo de Usos Múltiples (rúa de Galicia), Gran Festa Infantil para os pequenos. Os cativos disfrazados recibirán lambetadas e rifas de balde para un sorteo.

-MÉRCORES 2

Enterro do Felipe. Saída do acompañamento ás 19.30, na praza do Porto (Capitanía Marítima).

-SÁBADO 5

Festa Infantil de Entroido. No Pavillón Alcalde Torres Colomer de Palmeira, de 5 a 8 da tarde.

Ruta de tapas do pequeno Entroido. Tapas a 2,50 € nos locais participantes. Amenizará a Charanga O Santiaguiño de Padrón, de 12 a 15h. Organizan Cultura e a Asociación de Hostaleiros de Ribeira.

-DOMINGO 6

Espectáculo O que levamos nas maletas, de Magin Blanco. No Centro Recreativo de Artes ás 18h.

Ruta de tapas do pequeno Entroido. De 12 a 15h. Ameniza a Charanga BB+.