“O desprezo da banca aos maiores” – José Castro López

Como se botan de menos as vellas caixas de aforro ante o desprezo da banca cara aos nosos maiores!

Parafraseando a Hemingway, despois de ver nos últimos meses os malos tratos e a displicencia dos bancos con este segmento da poboación, as campás dobran con tristeza pola morte das Caixas.

Seguín con atención a rebelión de Carlos San Juan, o cirurxián xubilado de Alacante, contra os malos tratos que a banca daba ás persoas maiores e o seu notable éxito “de público e crítica” tan só coa arma do slogan Son maior, pero non idiota.

Con esa frase foi capaz de concienciar á opinión pública e de alertar ao Goberno sobre a mala atención que os bancos prestaban ás xentes de idade que van con atraso no proceso de dixitalización e non senten capaces de utilizar as canles dixitais.

O Goberno enseguida apuntouse ao carro de San Juan. A vicepresidenta de Economía sacou o seu látego e esixiu aos bancos un plan para corrixir as deficiencias e prestar un servizo integral aos maiores e xa se produciron as primeiras reaccións das entidades financeiras.

A Asociación Española de Banca, a CECA e UNACC presentarán a Economía un plan para corrixir esas eivas de atención ás persoas maiores que entidades como Abanca e Banco de Santander xa concretaron ampliando o horario de atención en portelo. O banco con sede en Galicia, ademais, asignará un xestor especializado para atender aos maiores que o necesiten polas súas escasas capacidades dixitais e anuncia que non pechará ningunha oficina nos 134 municipios galegos nos que é a única entidade financeira.

A mobilización social e a chamada de atención do Goberno a través da vicepresidenta Calviño vén demostrar que aos bancos non se lles pode deixar sós. Hoxe, como onte, é necesario un labor de supervisión pola autoridade financeira ou política para que manteñan as boas prácticas bancarias e nunca cheguen a desprezar desta forma aos clientes maiores.

Dito isto, “a cabra tira ao monte” e os bancos, que acaban de presentar cifras record de beneficios do exercicio pasado, manteñen intacto o seu plan de peche de oficinas, o que implica que a exclusión financeira non decae, irá a máis nas localidades afectadas por eses peches.

Ademais, como “a banca sempre gana”, agora cuantificarán estas medidas de atención personalizada tomadas “por imperativo político” e repercutirán o seu custo nos clientes subindo os intereses dos préstamos persoais e hipotecarios e as comisións, que pagarán tamén os pensionistas. Ao tempo.

Por iso, ante este panorama son moitos os cidadáns, maiores e de mediana idade, que estes días se refuxian na nostalxia que o DRAE define como “tristeza melancólica orixinada polo recordo dunha dicha perdida”. Esa “dicha perdida” é a que produce a desaparición das caixas de aforro que poboaban as cidades galegas e instaláronse na maioría dos concellos da comunidade popularizando unha forma singular de facer banca.

Por unha banda prestaban un esmerado servizo financeiro ás familias, aos profesionais, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas como actores da actividade económica. En segundo lugar, complementaban esa función financeira cunha intensa proxección social promovendo e patrocinando actividades culturais que respondían as demandas e necesidades da sociedade.

No seu ámbito de actuación impulsaron o ensino e a investigación; a asistencia social -lembren os clubs de xubilados nos que se “realizaban” as persoas maiores- e contribuíron decisivamente á configuración da paisaxe galaica adquirindo un protagonismo económico e social que conseguiu unha modélica inclusión financeira e cultural da que gozou a sociedade galega durante moitos anos.

Despois, “pasou o que pasou”. Aquelas entidades, líderes do sistema financeiro español que comezaron a súa traxectoria no século XIX, caeron abatidas no Waterloo da crise financeira 2008 por erros propios na xestión, pola inexplicable decisión dun goberno socialdemócrata, que consentiu un manifesto abandono da función de supervisión do Banco de España, e pola cobiza dos bancos que ansiaban desfacerse dunhas competidoras imbatibles. Entre todos dinamitaron unhas institucións de aforro popular tan arraigadas no territorio que formaban parte da paisaxe urbana e rural de España e de Galicia.

Estou seguro de que cando Carlos San Juan se sentiu humillado no seu banco, acordouse das vellas caixas de aforro, institucións entrañables que nos pobos prestaban unha atención personalizada e un esmerado servizo a mozos e maiores e contaban co aprecio da xente que as consideraba como un veciño singular.

Por iso, despois de ver nos últimos meses os malos tratos e a indiferenza da banca cos maiores, parafraseando a Hemingway, non pregunten por quen dobran as campás. As campás españolas e galegas seguen dobrando hoxe pola morte das caixas.