O Concello de Ribeira prepara aos traballadores municipais para a Administración Electrónica

Os traballadores do Concello de Ribeira están a participar dende este 8 de febreiro nunhas xornadas formativas sobre a transformación tecnolóxica na que está mergullada a Administración local, así como nas implicacións que vai ter este proceso á hora de axilizar e automatizar traballos. Así, técnicos da empresa GT3 Soluciones SL acudiron ao municipio para ofrecer até o xoves clases sobre as novas melloras en materia de sede electrónica que se están a introducir, con miras a axilizar a tramitación dos expedientes e lograr unha maior coordinación interna e unha mellor comunicación co cidadán.

A actuación está integrada dentro dos novos servizos de Administración Electrónica que, cun investimento de 283.633,32 €, foron adxudicados no 2021 no marco da EDUSI Máis Ribeira Atlántica, co-financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Entre as novas melloras que se están a introducir inclúense as seguintes:

1. Unha nova sede electrónica, cun novo concepto no que esta sede non sexa unicamente un portal dentro da web.

2. Novos trámites con procedementos máis sinxelos para o cidadán.

3. Adoptar unha nova solución tecnolóxica para a presentación de documentos na Oficina de Atención Cidadá que vaian dirixidos a calquera administración a través do sistema de interconexión de rexistros (SIR), o que permitirá suprimir os envíos de papel de administración a administración ao xerar copias auténticas electrónicas da documentación presentada.

4. Propiciar a acreditación de representantes ou apoderados a través da Plataforma do Estado.

5. Posibilitar a interconexión coa Plataforma de Intermediación do Estado, de tal xeito que cando un cidadán inicie un trámite non teña que aportar a documentación acreditativa: copia do DNI, AEAT, Seguridade Social, Dirección Xeral de Tráfico, etc…

6. Poder acceder á na nova sede electrónica autenticándose coa Cl@ve PIN, e non só co certificado dixital ou DNI electrónico como ata agora.

7. Poñer a disposición a carpeta cidadá Notific@ para que os cidadáns teñan nela todas as notificacións ou requirimentos que emita o Concello de Ribeira ou incluso outras administracións.

8. Xestionar a través da sede unha solicitude de cita cun departamento ou edil da Corporación ou con alcaldía.

9. Acadar unha solución tecnolóxica que permita a recepción, identificación e seguimento de avisos, queixas ou suxestións a través da web ou da app do Concello.

10. Dispoñer dun taboleiro edictal único, o que posibilitará acceder a todas as publicacións oficiais do Concello nun mesmo apartado da nova sede electrónica.