Con motivo da premier de Operación Marea Negra (este venres 25 de febreiro no Auditorio Municipal), o Concello de Ribeira abriu a posibilidade de que cen veciños e veciñas teñan a oportunidade de asistir á estrea na veciña Casa do Mar da localidade.
Emporiso este xoves 24 ás 10.00 horas publicarase na páxina web do Concello un formulario onde se poderán anotar as persoas interesadas e reservar unha butaca por rigorosa orde de inscrición (o formulario está operativo ata as 23.59 da noite pero o Concello prevé que o centenar de prazas quede cuberto moito antes “dada a expectación xerada”).

Saúdo dos actores
A apertura de portas da Casa do Mar será ás 21 horas, con previsión de que os actores e actrices presentes no evento (entre eles Álex González, Nerea Barros, David Trejos ou Manuel Manquiña) visiten e saúden aos asistentes en torno ás 21.30 horas, antes de dar comezo á proxección do primeiro episodio desta serie de Ficción Producciones para Amazon Prime Video.
Operación Marea Negra está dirixida por Daniel Calparsoro e inspirada na historia real do primeiro narcosubmariño interceptado en Europa. Ambientada en novembro de 2019, conta as peripecias de tres homes que atravesan o océano Atlántico con tres toneladas de cocaína no interior deste semi-sumerxíbel de construción artesanal. O argumento ponnos de fronte con Nando, o responsábel de guiar o vehículo. Trátase dun mozo galego campión de España de boxeo amateur e mariño experto sen recursos económicos que se ve obrigado a buscar outros medios para gañarse a vida.
A serie está dividida en catro capítulos de 50 minutos de duración, dos cales se proxectará en Ribeira o primeiro episodio nun evento ao que está confirmada a participación do alcalde Manuel Ruiz, e do conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez.
Cómpre recordar que parte das escenas foron rodadas en diversas localizacións do municipio (com os portos de Aguiño, Palmeira e Santa Uxía) en xullo e agosto do ano pasado.