O PEID (Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións) para a construción dun equipamento educativo en Portosín atópase en período de información pública e o Grupo Municipal do BNG de Porto do Son vén de presentar alegacións ao documento exposto.
As alegacións presentadas xa no Rexistro municipal están fundamentadas en catro apartados:
1ª Na primeira o BNG sinala que “en canto ao contido do expediente, pola ausencia de varios informes que deberían figurar no expediente”.
2ª O BNG engade no seguinte punto o seguinte: “En relación coa aprobación inicial do PEID, debido a que, como documento de desenvolvemento que afecta ao réxime de cualificación do solo, trátase dun instrumento de ordenación e xestión previsto na lexislación urbanística, polo que a súa aprobación corresponde ao pleno da Corporación municipal e non á xunta de Goberno local que, nunha clara extralimitación de funcións, acordou a aprobación inicial do PEID, polo que consideramos que dito acordo é nulo de pleno dereito por ser aprobado por un órgano ao que non lle compete tal función.
3ª En relación cos actos de trámite previos á aprobación inicial, o BNG considera “a existencia dunha serie de actos de trámite que non se ateñen ao procedemento legalmente establecido: en primeiro lugar, e máis importante, o PXOM do Concello de Porto do Son contaba cun espazo perfectamente definido e delimitado para a localización de equipamentos educativos de carácter público en Portosín (parcela de Trapa) que o Goberno municipal decidiu modificar o seu uso dos terreos cualificados como equipamento educativo e pasalos a equipamento deportivo coa idea de crear unha zona ampla deportiva da que, a día de hoxe, non temos constancia da existencia de proxecto algún nese lugar, o que amosa que non se precisaba realizar dita modificación nese intre”. O grupo engade que “diante da necesidade de trasladar o CEIP de Portosín da súa localización actual e, como xa non existen terreos para equipamento educativo, precísase buscar unha localización máis idónea para o traslado do CEIP, mais esa localización que se busca xa está perfectamente definida no informe técnico asinado polo estudo de arquitectura encargado do proxecto poucas horas despois do acordo plenario. Así mesmo, na solicitude do inicio de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEID que fai o concello, non se informa sobre o cambio de uso da parcela de Trapa. Por último, o plan sometido a avaliación ambiental estratéxica debe presentar tres alternativas viables técnica e ambientalmente, mais das tres propostas (0, 1 e 2) as alternativas 0 e 2 non son viables por ser a localización actual do CEIP e a parcela de Trapa con uso deportivo, respectivamente, polo que o informe técnico simplemente está xustificando o emprazamento do novo equipamento na alternativa 1, que corresponde coa opción elixida polo Goberno municipal, polo que, no plan presentado non se estudan outras alternativas que permitan a comparación con dita alternativa”.
4ª O BNG engade que “en relación con outras alternativas viables técnica e ambientalmente e non recollidas no plan, visto todo o anteriormente citado, das tres alternativas propostas polo Goberno municipal, só sería viable a Alternativa 1”. O grupo fai saber que “como é de obrigado cumprimento presentar tres alternativas viables ao Plan de Avaliación Ambiental Estratéxica é preciso presentar dúas alternativas viables máis”, que ao parecer do BNG poderían ser as seguintes:
– Alternativa 3: son os terreos existentes fronte a Alternativa 1 e que “reduciría a máis da metade
de propietari@s afectad@s”.
– Alternativa 2: son os terreos de Trapa, “sempre e cando se reverta ao uso co que anteriormente figuraba no PXOM, que por seren terreos públicos non habería que realizar ningunha expropiación”.
