“Non todos son torres humanas” – Antón Luaces

Nunha ocasión, vai talvez tres anos, referíame nesta páxina do Barbanza ás “torres humanas” de Ribeira que, aló polos anos 50-60, personificaban Fernando Llovo (e os seus irmáns Pepe e Ricardo) e Ernesto “o Chatarrero”. Na disputa de altímetros entraban tamén dous irmáns (os Rivas) que eran daquela gardas municipais na cidade.

E hoxe doume por enterado de como van trocando os tempos e os modos nas estaturas de homes e mulleres que os “veteranos” da miña quinta xa albiscabamos cando, mediados os anos 60 do século pasado, cumprimos coa obriga de “servir á Patria” como integrantes do Exército español.
Xa daquela o único que diferenciaba aos que formabamos a cabeceira da compañía e os que pechaban esta nos desfiles, eran os centímetros de cada quen.

Pero xa naquel momento non había posibilidade de “librar” polo tamaño, por ser “curto de talle”.
En marzo de 1964 fomos ao acampamento militar de Parga (Lugo) uns tres mil recrutas. Podo asegurar que os 18 últimos “quintos” da formación na que tamén eu estaba, non medían moito máis de 1,58 m. Mesmo había algún compañeiro de “mili” xordo ou coxo que aproveitaron a súa estadía no Exército para se operaren dos males que lles afectaban, como outros fixeron coa fimose (estrangulamento do orificio do prepucio que impide que se retraia por riba da punta do pene, en termos máis ou menos médicos).

A estatura, o talle, era un condicionante á hora de se presentar o home -daquela aínda non había mulleres nos corpos e forzas de seguridade de España- como optante, por exemplo, a unha praza no Corpo da Policía Armada (hoxe Policía Nacional).

Pois ben, este atranco xa deixa de existir: unha muller con altura inferior a 1,60 metros, ou un varón con menos de 1,65, poderán xa, ser membros da Policía Nacional. Remataron as prohibicións para os menos altos. Este condicionamento para acceder a unha praza de funcionario policial que era a altura, desaparece oficialmente. Rematou a discriminación. A altura mínima só se vai manter en destinos moi específicos dentro dese corpo policial. Por exemplo, en especialidades como os equipos de asalto ou antidisturbios. Para todo o demais, un policía nacional poderá actuar coma tal sexa cal sexa a súa estatura.

Outro atranco que se elimina.

Con esta medida, supoño que xa non se elixirán os máis altos para formar unha compañía de honra ou os “cabos gastadores” que abrían -coido que aínda o fan- as formacións militares en desfiles ou actos castrenses deste carácter. Todos iguais. Cos mesmos dereitos. E menos mal que a “mili” xa non é forzosa.

Decateime vai tempo da necesidade de remodelar o sistema. Foi cando o meu fillo máis novo, ollando para min desde os seus 190 centímetros, inquería con certo cachondeo: “Non me explico como podías xogar ti de pivot no teu equipo de baloncesto”. (Escuso dicir que, anos antes, xa me decatara eu do feito cando, tentando localizar a unha persoa de máis ou menos a miña estatura na rúa Real da Coruña, non a din localizada debido á marea de cabezas que se interepoñían e me superaban impedíndome a visión que, aló polos sesenta e pico do século pasado, non me prexudicaban pola altura.

Cousas dos tempos, da alimentación, da mellora na raza. A cambio, a partir de agora teremos mulleres e homes policías nacionais que sentarán o principio de autoridade non polos centímetros de altura senón polo que representan como membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Os irmáns Rivas, os irmáns Llovo ou Ernesto xa non chamarían hoxendía a atención da xente pola súa altura nas rúas de Ribeira, senón pola súa valía, que a tiñan ´dito sexa de paso- cada un deles.